A institución provincial, a través do Museo de Pontevedra organiza a 17ª edición desta cita, que do 12 ao 14 de setembro abordará as tendencias de investigación en numismática, a través de comunicacións, mesas redondas e conferencias
Pontevedra acollerá os días 12, 13 e 14 deste mes a 17ª edición do Congreso Nacional de Numismática. No Museo de Pontevedra reuniranse os maiores expertos na materia procedentes de España e doutras latitudes. O programa, centrado no intercambio de coñecementos a través de comunicacións, mesas redondas e conferencias, inclúe tamén a benvida aos participantes cunha actuación de Xisco Feijoó e dúas actividades dirixidas ao público xeral: un obradoiro para achegar a numismática a nenas e nenos e unha exposición para dar a coñecer a figura de Ricardo Blanco Cicerón.
O obradoiro ‘A ceca do Museo’ quere achegar a numismática aos máis pequenos: a súa orixe, as diferentes moedas que circularon no territorio peninsular entre a chegada dos romanos e os século XXI e o seu proceso de fabricación. Os nenos terán tamén a oportunidade de deseñar e crear a súa propia moeda, así como de acuñar recreacións de moedas antigas pertencentes á colección do Museo de Pontevedra. A actividade está dirixida a nenas e nenos de 6 a 10 anos e desenvolverase o sábado 14 de setembro en dúas quendas: de 10:00 a 11:30 e de 12:00 a 13:30, impartido polo Departamento de Educación do Museo. E a partir deste mércores, 4 de setembro, ás 9:00 horas, pode formalizarse a inscrición a través do correo electrónico reservas.museo@depo.gal, indicando nome e idade, número de teléfono de contacto e quenda de preferencia.
Exposición
En paralelo á celebración do Congreso, o Museo de Pontevedra o 12 de setembro, ás 19:15 horas, abrirá a exposición ‘O gabinete de Ricardo Blanco Cicerón. Do coleccionismo ao Museo’, no Edificio Sarmiento. A mostra, que se poderá visitar ata o 10 de novembro, recupera a figura de Ricardo Blanco Cicerón (Tui, 1844 – Santiago de Compostela, 1926), un apaixonado das artes e as humanidades que atesourou unha basta colección de obxectos históricos e está considerado o coleccionista de maior relevancia para a historiografía da arte en Galicia. Reuniu xoias protohistóricas, moedas, medallas, documentos medievais e outras pezas que, en moitos casos, pasaron a formar parte do acervo de museos galegos e nacionais.
A mostra exhibirá pezas nunca antes vistas publicamente, cedidas por coleccións particulares e por algúns dos máis importantes museos de Galicia, ademais dos fondos propios do Museo de Pontevedra, que conserva a maior parte da súa importantísima colección numismática, con máis de 5.000 moedas e medallas adquiridas en 1999. Ademais, exhibirase mobiliario orixinal do seu gabinete e aparellos relacionados coa súa paixón pola numismática, camafeos e outros obxectos históricos e artísticos, lenzos, publicacións, fotografías…
O congreso
A continuación da inauguración da exposición celebrarase o brinde de benvida ao congreso, a cargo de Turismo Rías Baixas. O brinde contará coa actuación de Xisco Feijoó, unha das figuras máis salientables da música tradicional en Galicia. Xisco Feijoó é cantante, bailador e coreógrafo, cunha longa traxectoria tamén como mestre de canto e traballando na recuperación etnográfica. Despois de colaborar en discos e espectáculos de artistas como Mercedes Peón, Xosé Manuel Budiño, Carlos Núñez, Kepa Junquera, Berrogüetto e Rodrigo Romaní, entre outros, en 2021 publicou o seu primeiro traballo discográfico, ‘Peixe’.
Será o peche da primeira xornada deste congreso nacional, organizado pola Deputación a través do Museo de Pontevedra, co apoio da Sociedad Iberoamericana de Estudios Numismáticos (SIAEN). A encargada de abrir o congreso será Erea Castro Afonso, conservadora do Museo, cunha conferencia sobre “As coleccións numismáticas no Museo de Pontevedra e o legado Blanco Cicerón”. Pecharao o fiscal, investigador e coordinador científico do congreso Antonio Roma Valdés, con “A numismática como obxecto patrimonial”.
Polo medio, tres días de comunicacións e mesas redondas. As mesas de debate abordarán catro temas de actualidade deste campo: a numismática nos plans formativos universitarios; a numismática en museos, arqueoloxía e restauración; tendencias en proxectos de investigación; e as interrelacións entre museos, fundacións e outras entidades. As mesas contarán coa participación de expertos, conservadores e investigadores de museos, universidade e outras entidades.
As comunicacións científicas espallaranse os tres días de programa, con seis sesións de dous bloques en paralelo en cada unha delas. A variedade de temas propostos fala da riqueza e diversidade dos estudos actuais na materia: coleccións museísticas; restauración e conservación; investigacións arqueolóxicas; moeda romana, grega, sueva ou islámica; moeda medieval; variantes locais ou alternativas históricas ao uso da moeda, entre outros.
A inscrición ao congreso como oínte está aberta en https://museo.depo.gal/congreso-nacional-de-numismatica, onde tamén se atopa toda a información do congreso. Implica o pagamento dunha taxa de 40 €, con acceso de balde para as persoas en situación de desemprego que así o acrediten. A asistencia ao congreso será recoñecida cun certificado expedido pola Universidade de Santiago de Compostela. Ademais terá o recoñecemento de actividade formativa complementaria no seu programa de Doutoramento en Historia, Xeografía e Historia da Arte.

