A Deputación compromete unha achega extraordinaria ao Burela FS condicionada a unha resposta conxunta das administracións

Redacción

– Presidencia e Vicepresidencia da Deputación comprometen esta axuda conxunta  destinada a garantir a actividade ordinaria da entidade, o pagamento de nóminas e das obrigas prioritarias con acredores, mentres o club avanza no seu proceso de reestruturación e na captación de financiamento privado

– Durante máis dun mes, Carmela López e Efrén Castro mantiveron contactos permanentes coa directiva do Burela FS e coa Xunta de Galicia -primeiro con Javier Arias e posteriormente con Alfonso Villares- para buscar unha solución que permitise garantir a continuidade do club e dar estabilidade ás xogadoras, aos xogadores e ao corpo técnico ante o inicio da próxima temporada

A  Deputación de Lugo, a través da Presidencia e da Vicepresidencia, compromete unha achega extraordinaria de 120.000 euros ao Club Deportivo Burela Fútbol Sala co obxectivo de contribuír á continuidade dunha entidade que leva máis de dúas décadas sendo un referente do deporte galego. A institución provincial apunta que a axuda  debe formar parte dunha resposta compartida entre as administracións públicas, acompañada dun proceso de reestruturación económica do club e dunha maior implicación do sector privado para garantir a viabilidade futura do proxecto.

A proposta da Deputación chega tras máis dun mes de traballo intenso motivado pola urxencia da situación. A proximidade do inicio da nova tempada obrigaba o club a adoptar decisións inmediatas sobre a configuración dos seus equipos, a continuidade das xogadoras, dos xogadores e do corpo técnico e a planificación deportiva, polo que a institución provincial, da man da súa Presidenta, Carmela López, iniciou un proceso de diálogo permanente coa directiva e co resto das administracións para intentar construír unha solución viable.

A colaboración da Deputación establece que esta achega extraordinaria se destinará a garantir a actividade ordinaria da entidade, o pagamento de nóminas e das obrigas prioritarias con acredores, mentres o club avanza no seu proceso de reestruturación e na captación de financiamento privado.

Neste marco, a Deputación encargou aos seus servizos técnicos unha análise económico-financeira da documentación presentada polo club co obxectivo de avaliar con rigor a situación da entidade e determinar cales debían ser as condicións para garantir a súa viabilidade futura. Segundo recolle o informe, a situación económico-financeira do Burela FS é complexa. Da documentación presentada despréndese a existencia dunha débeda superior aos 700.000 euros.

Os servizos técnicos conclúen que a proposta presentada polo club require unha solución máis ampla que unha achega extraordinaria puntual. O informe considera que a estabilidade futura da entidade require incrementar o financiamento dispoñible, avanzar nun proceso de reestruturación económica e financeira e reforzar a implicación do sector privado mediante a incorporación de novos patrocinadores e outras vías de financiamento que permitan consolidar un modelo económico máis sólido e sostible.

Máis dun mes de traballo coordinado

Durante todo este proceso, a Presidenta, Carmela López, e o Vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, mantiveron contactos permanentes coa directiva do Burela FS e cos representantes da Xunta de Galicia para explorar todas as alternativas posibles. Neste marco celebráronse reunións co anterior delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e tamén co actual responsable, Alfonso Villares, ademais das reunións de coordinación entre a Presidencia e a Vicepresidencia da Deputación.

Carmela López explica que desde o primeiro momento existiu unha vontade compartida de preservar un proxecto deportivo que representa a Burela, á Mariña e á provincia de Lugo dentro e fóra de Galicia, e que “máis títulos acadou e é un club histórico”. Por ese motivo, indicou, a Deputación combinou o diálogo institucional coa elaboración dunha análise técnica rigorosa que permitise adoptar unha decisión responsable e útil para o futuro da entidade.

López sinalou que a proposta da Deputación responde precisamente ás conclusións dese informe e ao traballo desenvolvido durante estas semanas. Destacou que a institución provincial cumpre coa súa responsabilidade poñendo enriba da mesa unha achega extraordinaria de 120.000 euros e expresou a súa confianza en que a Xunta de Galicia iguale ese esforzo. Lembra que a promoción e o apoio ao deporte forman parte das competencias da Xunta de Galicia, polo que considera necesario un esforzo equivalente por parte da Administración autonómica e pon en valor que a Deputación leva máis de vinte anos sendo unha das administracións que máis apoio prestou ao Burela FS, reforzando especialmente ese compromiso nos últimos anos dende Vicepresidencia.

Un compromiso compartido co futuro do club

A Presidenta incidiu en que esta nova etapa debe asentarse sobre un modelo de corresponsabilidade no que cada parte asuma o seu papel. Ao seu xuízo, a Deputación xa deu un paso adiante coa proposta económica formulada; agora corresponde á Xunta completar ese esforzo institucional e ao propio club avanzar no proceso de reestruturación interno iniciado e apostar por unha política de ingresos e gastos máis eficiente.

López subliña “que o obxectivo non é só resolver unha situación puntual, senón contribuír á construción dun proxecto máis forte, máis estable e con capacidade para afrontar o futuro con maiores garantías”.

Ademais, a Presidenta mostra tamén a súa satisfacción porque o Burela FS confirmase a inscrición dos seus dous equipos para a próxima tempada. Ao seu xuízo, esa decisión abre unha oportunidade para construír unha nova etapa máis sólida, baseada na responsabilidade compartida das administracións, no compromiso do propio club e na implicación do tecido empresarial.

Comparte este artigo