O vicepresidente Rafa Domínguez e o arqueólogo provincial, Rafael Rodríguez, deron conta dos achados das catas arqueolóxicas, nas que se atoparon os cimentos dun muro cos que “se reescribe a historia de Santa Clara e a historia de Pontevedra”
O achado, que será musealizado para a súa observación desde o Museo, non suporá un retraso nos prazos do proxecto de rehabilitación e apertura dos xardíns á cidadanía
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, informou este luns do achado dos cimentos dun muro, no marco das catas arqueolóxicas realizadas no convento de Santa Clara necesarias para a elaboración do proxecto de execución das obras de rehabilitación. Domínguez, que ofreceu unha rolda de prensa acompañado do arqueólogo da Deputación, Rafael Rodríguez, sinalou que “este importante descubrimento confírmanos que realmente Santa Clara é moito máis antigo do que pensabamos, e tamén que dentro hai moito máis do que criamos”. Con este achado pódese determinar que a comezos do século XIV, na fundación de Santa Clara, xa se conformaría unha grande estrutura conventual formada por tres edificios, a igrexa e dous pavillóns paralelos.
O vicepresidente provincial avanzou que “no momento no que se atopou o muro falamos tanto co estudio Nieto Sobejano como con Patrimonio da Xunta de Galicia, e a priori este achado non vai retrasar as obras. Apenas se vai modificar o proxecto, pero sempre imos traballar da man de grandes profesionais e coas máximas garantías”. Ademais, Rafa Domínguez tamén informou de que a Deputación musealizarao “para que se poidan observar, xa que consideramos que é de grande importante tanto para a historia da cidade de Pontevedra”. Ao respecto, o vicepresidente amosouse confiado en que “este non vai ser o último descubrimento que fagamos en Santa Clara, estou seguro de que imos seguir atopando sorpresas que van reescribir a nosa historia”. E lembrou que “Santa Clara é un reto no que todos os pontevedreses temos que ir da man, traballando para que sexa o oitavo edificio do Museo de Pontevedra e abrir á cidadanía os xardíns, que levaban 400 anos pechados e en moi pouco tempo serán parte de todos os pontevedreses”.
O arqueólogo provincial, Rafael Rodríguez, secundou que o achado “modifica a historia que coñeciamos de Santa Clara”. Os documentos medievais sinalan o ano 1310 como o de fundación de Santa Clara, pero non había constancia de que era o que había naquel entón nese momento agás da Igrexa. Ata o de agora coñecíase que o alzado do edificio que se mantén en pé data do século XVII polas inscricións no muro e nun piar, pero grazas ás catas arqueolóxicas confírmase que se trata dun edificio medieval. Rodríguez sinalou que “agora podemos definir o núcleo orixinario do século XIV ” e o achado, malia poder parecer pequeno, “dános un empuxe á hora de tratar de comprender o enorme quebracabezas que é Santa Clara”. De feito atopouse o arranque dun arco gótico que “cremos que se trata dun acceso á sala capitular, quizais movido de sitio. Posiblemente parte dos muros destas cimentación o que están a definir é esa sala capitular, que sería o núcleo central do convento xunto coa igrexa”.