A institución provincial únese á celebración desta efeméride e as persoas interesadas poderán coñecer esta edificación histórica de xeito gratuíto este venres ata as 19:00 horas
A Deputación de Pontevedra abre hoxe de maneira gratuíta as portas do Castelo de Soutomaior, co obxectivo de celebrar o Día Internacional do Guía de Turismo. Desta maneira, as persoas interesadas poderán coñecer estar edificación histórica por dentro ata as 19:00 horas para poñer en valor e dar visibilidade o traballo destes profesionais, que promoven o potencial cultural, histórico e patrimonial de sitios de interese como o Castelo.
As persoas que se acheguen ao longo do día de hoxe a coñecer o Castelo de Soutomaior poderán descubrir o conxunto arquitectónico, metade fortaleza medieval, metade palacio neogótico do século XIX, declarado Ben de Interese Cultural, e que a Deputación someteu a un proceso de musealización no ano 2018. No interior descubrirán a historia do edificio e dos seus máis ilustres habitantes a través de materiais explicativos interactivos, incluíndo sete audiovisuais, recreacións en 3D, un videomapping e tres caixas máxicas.
O Día Internacional do Guía de Turismo celébrase desde o ano 1990 cada 21 de febreiro, coincidindo coa data na que se creou a Federación Mundial de Guías Profesionais de Turismo en 1985, que conta na actualidade con membros de 70 países do mundo que representan a máis de 200.000 guías turísticos, e traballa para promover os estándares de calidade e profesionalidade a industria.