A provincia de Pontevedra concentrou en setembro ao 34% dos visitantes que chegaron a Galicia
O Camiño Portugués pola Costa, con 9.664 peregrinos, sitúase por vez primeira como a vía máis transitada de todas as que atravesan a provincia cara Compostela. O 78% dos peregrinos son estranxeiros, maioritariamente de Estados Unidos, Portugal e Alemaña
A Deputación constata que, cun crecemento mes a mes, o 2025 está a ser o ano da internacionalización do destino Rías Baixas. Neste caso, os datos do Observatorio de Turismo Rías Baixas, que beben das estatísticas do INE, remarcan que en setembro deste ano incrementouse nun 10% o número de visitantes estranxeiros con respecto ao mesmo mes do 2024. Ademais, a provincia concentrou en setembro ao 34% dos visitantes que chegaron a Galicia.
O turismo nacional segue a ser maioritario na provincia de Pontevedra, cunha porcentaxe que se sitúa no 54%. Sen embargo, os visitantes estranxeiros seguen a medrar e o mes de setembro pechouse cunha porcentaxe do 46%, case a metade dos visitantes, o que supón un 10% máis que o pasado ano. Ademais, a ocupación hoteleira rexistrada en setembro do 2025 situouse no 50%.
Mes de outubro
No que respecta ao mes de outubro, ata a data, visitaron a oficina de turismo do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, máis de 2.400 persoas e percorreron os camiños de Santiago que atravesan a provincia un total de preto de 20.000 peregrinos e peregrinas, o que supón un incremento do 20% con respecto ao mesmo mes do 2024. Ademais, por vez primeira, o Camiño Portugués pola Costa, con 9.664 peregrinos, sitúase como a vía máis transitada de todas as que atravesan a provincia cara Compostela, seguida do Camiño Portugués, con 9.448, a Vía da Prata, con 800, e o Camiño de Inverno, con máis de 306 peregrinos. A porcentaxe maioritaria de peregrinos, o 78%, son estranxeiras e proveñen, principalmente, de Estados Unidos, Portugal e Alemaña.



