HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación constitúe a Comisión de Gobernanza e Xestión do Turismo Responsable...

A Deputación constitúe a Comisión de Gobernanza e Xestión do Turismo Responsable e Sostible no marco do proxecto Biocosteiro

- Anuncio -spot_img

O deputado provincial Marcos Guisasola asistiu á sesión constitutiva do órgano, formado por entidades locais da provincia e Portugal, así como polos principais axentes vinculados ao turismo e á conservación e o desenvolvemento sostible

A Comisión de Gobernanza terá funcións consultivas, de seguimento e dinamización de todas as fases deste proxecto, enfocado á conservación da biodiversidade nos hábitats costeiros e no impulso a un novo modelo de xestión turística

A Deputación de Pontevedra acaba de constituír a Comisión de Gobernanza e Xestión do Turismo Responsable e Sostible no marco do proxecto transfronteirizo Biocosteiro. Esta comisión está conformada polos principais socios do proxecto, a institución provincial (representada polo deputado de Medio Ambiente e Mar, Marcos Guisasola), SEO/Birdlife e a Cámara municipal de Viana do Castelo, ademais doutras entidades locais da provincia e algúns dos principais axentes vinculados ao turismo e á conservación e o desenvolvemento sostible.

Marcos Guisasola lembrou os dous obxectivos principais de Biocosteiro, que son “a conservación da biodiversidade en hábitats costeiros galegoportugueses e promover e lograr un desenvolvemento equilibrado das economías locais”, para o cal “estamos a realizar accións de sensibilización, a impulsar un modelo de xestión turística responsable e sostible e tamén a establecer medidas para a protección das especies autóctonas e os seus hábitats, así como para reducir a presenza doutras especies exóticas invasoras”.

O deputado provincial sinalou que “imos abordar conxuntamente os retos do noso territorio compartido en materia de turismo e protección ambiental, porque para o goberno da Deputación é fundamental establecer estratexias e plans de acción coordinados entre todas as partes implicadas”. Deste xeito, sinalou Guisasola, “poderemos obter solucións que sexan sostibles e que estean adaptadas ás circunstancias de cada territorio que forma parte do noso marco de acción”.

Neste sentido, o deputado de Medio Ambiente e Mar lembrou que “boa parte do noso territorio ten unha gran riqueza e se encadra na Rede Natura 2000, pero viviu transformacións propiciadas polo desenvolvemento do turismo e polas altas densidades de poboación do territorio litoral en época estival, por iso queremos protexer os nosos ecosistemas e as nosas especies vexetais e animais”.

A Comisión de Gobernanza e Xestión de Turismo Responsable e Sostible de Biocosteiro será un instrumento de acompañamento, validación e dinamización de dúas cuestións: a Estratexia de Turismo Responsable e Sostible que se creará neste ámbito, e tamén o proceso de certificación ambiental no litoral da Rede Natura 2000 da provincia e do municipio de Viana do Castelo. A estrutura desta Comisión busca facilitar a participación activa e coordinada de todas as partes implicadas, e para iso contará cunha secretaría técnica, grupos de traballo temáticos e canles de comunicación interna.

A Comisión de Gobernanza terá funcións consultivas, de seguimento e de dinamización de todas as fases do proxecto Biocosteiro: a de planificación e deseño, a de implementación e a de seguimento e avaliación. Reunirase, como mínimo, dúas veces ao ano, e elaboraranse actas e informes de seguimento de todas as accións e acordos que se adopten no seu marco.

“Traballamos na senda das sinerxías e do traballo conxunto, similar á nosa aposta polo municipalismo, pero abrindo esta institución ao conxunto da sociedade para dar pasos cara adiante na protección do noso medio ambiente”. Neste sentido, Marcos Guisasola puxo en valor os “seis millóns de euros que levamos investidos no ámbito do medio ambiente nestes case dous anos de goberno a través de programas, axudas ao sector ou convenios de colaboración con entidades”.

A Comisión de Gobernanza e Xestión do Turismo Responsable e Sostible está conformada pola Deputación, SEO/Birdlife e a cámara municipal de Viana do Castelo como socios principais de Biocosteiro, así como, nestse momentos, os concellos de Cangas do Morrazo, O Grove, Moaña, Nigrán e Sanxenxo, a Xunta de Galicia, as universidades de Vigo e Santiago de Compostela, CEMMA, a Federación Galega de Vela e o Instituto da Conservaçao da Natureza e das Florestas. A adhesión está aberta, polo que podería haber máis incorporacións no futuro. O programa conta cun orzamento de 750.000 euros, financiado ao 75% con fondos FEDER.

Publicacións Relacionadas