Carmela Silva: “Xunto con Valencia, somos unha grande referencia, as nosas bandas de música son as máis numerosas de todo o Estado”
A Deputación de Pontevedra continúa o seu papel de “axente democratizador” da Cultura ao aprobar, en Xunta de Goberno, a adxudicación das subvencións as escolas de música da provincia que dependen de asociacións sen ánimo de lucro. A convocatoria deste ano ascende a 90.000 euros, 10.000 euros máis que o ano anterior. Con estas achegas veranse beneficiadas 25 entidades de 19 concellos e con elas poderán financiar os seus gastos de funcionamento. As achegas foron concedidas en réxime de concorrencia competitiva tendo en conta o número de matrículas e de docentes, así como o orzamento de gasto de cada escola. Tódalas entidades solicitantes obtiveron a axuda provincial.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, recordou que “hai anos que os concellos que teñen escolas de música viñeron pedirnos apoio” para a súa financiación, polo que dende a Administración provincial decidiron facer fronte a esta necesidade. “Consideramos que a formación musical é fundamental para construír unha sociedade onde a cultura sexa un elemento prioritario”. Por iso, Carmela Silva quixo por en valor que “xunto con Valencia, nesta provincia somos unha grande referencia; as nosas bandas de música son ás mais numerosas de todo o Estado”. Froito disto, continuou, xorden grandes os músicos e músicas que temos na provincia, “polo que, como presidenta da Deputación, estou encantada de financiar as escolas, por apostar pola cultura e pola música como instrumento fortalecedor da sociedade.”.
As subvencións chegarán á comarca do Deza con achegas á Asociación Amigos Banda de Música de Agolada, á Nova Banda de Música de Vilatuxe e á Banda de Música de Lalín así como á Asociación Cultural Banda de Música de Silleda.
Na comarca de Arousa financiaranse as Pre-escolas de Música dos concellos de Ribadumia e Vilanova.
Na comarca de Pontevedra os fondos chegarán á Asociación Cultura e Xuventude de Barro e á Asociación Cultural e Musical Escola de Música de Vilaboa así como a dúas entidades do concello de Pontevedra: a Musico Cultural San Martiño Salcedo e a Asociación Cultural A Tempo Escola de Música.
E no Morrazo subvencionarase a Asociación Xuvenil Cultural Staccato, de Cangas.
Para a comarca de Vigo a Deputación aprobou achegas para a Asociación do Centro Recreativo e Cultural de Torroso Mos, a Asociación Cultural e Social de Chapela (Redondela), Amigos da música (Salceda de Caselas), Agrupación Musical de Vincios (Gondomar) e Asociación Musical Artística de Arcade (Soutomaior). Ademais, tamén se financiarán catro entidades do concello de Vigo: a Sociedade Cultural e Deportiva Atlántida, a Asociación Banda Escola de Música de Beade, a Asociación Banda de Música Unión Musical de Valladares e o Ateneo musical de Bembrive.
As achegas tamén chegarán á comarca do Condado con financiamento para a Banda de Música de Rubios (As Neves) e a Asociación Banda Xuvenil de Xinzo e a Asociación Cultural Banda de Música Unión de Guláns (ambas de Ponteareas).
Finalmente, o apoio da Deputación notarse tamén no Baixo Miño cunha achega para a Asociación Agrupación musical do Rosal e outra para a Asociación Sociocultural de Goián (Tomiño).



