As actividades, con todas as prazas esgotadas para participar nas rutas do mes de agosto, esténdense ata finais de outubro
A Deputación de Pontevedra continúa esta fin de semana as actividades do programa provincial +Bosques, unha iniciativa que promove o contacto directo coa natureza e que permitirá ás persoas participantes, 15 por quenda, gozar das vantaxes dos denominados “baños de bosque”. As actividades que oferta a Deputación para esta fin de semana son dúas quendas este sábado 16 de agosto por Cabo Udra, en Bueu, e outras dúas quendas este domingo 17 de agosto na Illa de Tambo, en Poio. Todas as prazas dispoñibles para participar nas rutas de agosto están completas, esgotándose en cuestión de horas trala apertura da inscrición. O prazo para inscribirse nas rutas de setembro abrirá o próximo 25 de agosto ás 9:00 horas.
No roteiro por Cabo Udra os participantes percorrerán gran parte da Costa do Morrazo e espazos pertencentes á Rede Natura 2000 con paisaxes únicas de gran valor natural e histórico. Desde o cume do cabo, a 91 metros de altitude, e desde o alto de Carafixo a 129 metros, as panorámicas son impresionantes con vistas á Ría de Pontevedra e á Illa de Tambo. Por outra banda, aínda que a Illa de Tambo presenta unha forte invasión de eucalipto e acacia, é un lugar especialmente idóneo para atopar elementos naturais de gran beleza coma os taffonis, as dunas ou a Praia Area Grande. Ademais, os asistentes descubrirán o seu abundante patrimonio histórico, con elementos como o peirao, o faro, o lazareto ou o antigo albergue.
Os espazos naturais que forman parte da oferta de +Bosques este ano son a ruta do Xabriña (Covelo) e da Pedra e da Auga (Meis), O Carreirón (A Illa de Arousa), Cabo Udra (Bueu), o Pazo de Lourizán (Pontevedra), a Illa de Tambo (Poio) e o río Eifonso (Vigo). Este ano a Deputación duplicou a oferta de percorridos por estes sete espazos da costa e o interior da provincia, que permitirán coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. Todas as rutas, algunhas delas pola tarde, pretenden proporcionar ás persoas participantes unha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do “baño de bosque” e a conexión directa en e coa natureza. Deste xeito, promoverase a estimulación sensorial a través do olfacto, o tacto, a vista, o oído e o gusto, así como realizaranse exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia.
Durante este mes tamén se celebrarán dúas quendas por Cabo Udra o día 31 de agosto. Ademais, celebraranse actividades o 23 de agosto na Ruta do Xabriña, o 24 de agosto na Ruta da Pedra e da Auga e o 30 de agosto no río Eifonso.