A institución provincial, da man do seu deputado de Cultura, Jorge Cubela, acaba de levar este programa que promove coa Fundación Legar co gallo do Día das Letras Galegas a Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade
Instrumentos da Memoria pretende achegar ás nenas e nenos da provincia a música de raíz, a creación musical autóctona e as tradicións
A Deputación de Pontevedra achegou esta mañá ás nenas e nenos de Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade a música de raíz, a creación musical autóctona e as tradicións a través de Instrumentos da Memoria. Obradoiros escolares sobre a música de raíz. O deputado de Cultura, Jorge Cubela, participou esta mañá nesta actividade que promove o organismo coa Fundación Legar co gallo do Día das Letras Galegas e que este mércores chega a Vilanova de Arousa e Portas “para espallar a música de raíz, a creación musical autóctona e as tradicións entre as nenas e nenos da provincia”.
Instrumentos da Memoria trátanse de representacións musicais didácticas, lúdicas, amenas e participativas para dar a coñecer cuestións como a historia da música galega e os instrumentos empregados nela, algúns con base na natureza e outros mesmo en ferramentas de uso cotián, así como os xéneros musicais autóctonos. O principal obxectivo da Deputación de Pontevedra con esta actividade é reflexionar sobre a creación musical e as tradicións galegas, implicando os escolares no proceso de conservación do patrimonio cultural e musical, “alo que tanto nos identifica como pobo, que debemos preservar e que, precisamente, este ano se ten convertido en protagonista das nosas Letras da man das canteiras”, sinalou Cubela.
Os obradoiros, que durarán unha hora e cuarto, pasaron xa por Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, As Neves, Fornelos de Montes e Covelo e, tras recalar este mércores en Vilanova de Arousa (9:35 horas, CEIP Plurlingüe de San Roque-Corón) e Portas (12:30 horas, CPI Domingo Fontán), chegarán o xoves 15 a Bueu (9:30 horas, CEIP Montemogos de Beluso, Bueu) e rematarán o luns 19 de maio en Forcarei (9:45 horas, CEIP Soutelo de Montes) e Silleda (12:30 horas, CEIP Ramón de Valenzuela, Bandeira).