A Deputación contratará por máis de 300.000 euros o programa +Xuntas de formación para mulleres

adminON
Lectura mínima de 2

O plan ofertará máis de 200 obradoiros para federacións e fundacións enmarcados en catro temáticas diferentes: tecnoloxía, creatividade, natureza e saúde

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o expediente de contratación para a execución do programa +Xuntas, que conta cun orzamento total máximo de 323.000 euros. “Un dos nosos obxectivos transversais é a promoción da igualdade e a eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como a erradicación da violencia de xénero. E temos claro que a formación, a través de programas como este, é un instrumento clave para poder avanzar”, asegurou o presidente provincial Luis López.

A través de “+Xuntas” a Deputación ofrecerá 207 obradoiros para federacións e fundacións sen fins de lucro da provincia que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres e apoien o seu desenvolvemento. Cada entidade interesada poderá solicitar, entre este xoves 1 de febreiro e o 1 de marzo, un obradoiro entre os ofertados, que se enmarcan en catro temáticas diferentes.

Desta maneira, “+ Tecnoloxía” contempla cursos de alfabetización dixital, de socialización coas redes sociais, de administración electrónica e de administradoras de redes sociais; “+ Creatividade”, con talleres de pintura, teatro, encontros con lectoras, labores de retales, personalización de álbums e artesanía en coiro; “+ Natura” inclúe accións formativas centradas nas plantas medicinais, a conservación de alimentos, a xardinería, as hortas ecolóxicas e o arte floral, e, por último, “+ Saúde”, con obradoiros de ioga, pilates, taichí, ximnasia hipopresiva, menopausa de forma saudable, autocoidado, autoestima e comunicación asertiva, musicoterapia, risoterapia e atención plena. Os cursos están dirixidos a un máximo de entre 20 e 25 persoas, segundo a especialidade, e teñen unha duración de 35 horas.

Comparte este artigo