O vicepresidente da Deputación, Rafael Domínguez, presentou a mostra que se inaugura mañá venres ás 19:00 h no Edificio Castelao
A Deputación a través do Museo de Pontevedra volve poñer o foco nos artistas plásticos galegos que desenvolveron a súa carreira no último terzo do século XX. Ás exposicións dedicadas nos últimos anos a Silverio Rivas, Acisclo Manzano, Rafael Úbeda, Carmen Domínguez ou José Benito Otero Baena únese agora a mostra monográfica ‘Leopoldo Varela, a forza da cor’, que se inaugura este venres 14 de novembro ás 19:00 h no Edificio Castelao. Poderase visitar ata o 11 de xaneiro.
A exposición repasa a traxectoria de Leopoldo F. Varela (O Porriño, 1929-Vigo, 2007), un pintor autodidacta que practicou o expresionismo cromático. As obras penduradas das paredes do Edificio Castelao trazan un percorrido pola súa creación desde comezos dos anos setenta do século pasado ata os seus últimos anos, exhibindo algunhas pezas ata agora nunca vistas polo público, como varias augadas e as obras da serie que el chamou ‘El Invento’, nas que estampaba o papel sobre un cristal impregnado de óleo.
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, presentou hoxe a exposición, percorréndoa acompañado da directora do Museo, Ángeles Tilve, e da conservadora do Museo e comisaria da mostra Beatriz de San Ildefonso. Domínguez destacou que o Museo “ao mesmo tempo que organiza unha Bienal magnífica ou un encontro con algúns dos museos máis importantes do mundo, segue expoñendo aos artistas máis próximos, da nosa provincia, para achegalos ao público”. O vicepresidente salientou ese labor de “reivindicar o noso. É importante atender á arte internacional pero sen deixar de lado algo tan importante como o noso, o galego, que nos define como cultura”.
A comisaria, Beatriz de San Ildefonso explicou que “Leopoldo Varela comezou a súa traxectoria nos anos 50 coa técnica da acuarela”. Así se deu a coñecer ao público en 1954 na sala Foto Club de Vigo e pola que en 1972 recibiu unha medalla de prata na Bienal de Arte de Pontevedra. A comezos dos anos setenta o óleo adquire protagonismo na súa obra. Adopta entón os postulados da Escola de Madrid, seguidora do estilo de Benjamín Palencia; unha pintura figurativa, non académica, que reinterpreta a realidade baixo a influencia do cubismo e o fauvismo. Leopoldo logra nestes anos un estilo de madurez caracterizado por unha interpretación da paisaxe cunha paleta moi alegre. Estaba inmerso no ambiente cultural de Vigo, onde era asiduo ao faladoiro do Eligio e participou en diferentes exposicións. A súa obra tamén se puido ver en galerías do resto de Galicia, en Madrid e alén do Atlántico. Esta época está representada na exposición con varias obras, entre elas dúas coas que participou na Bienal de Pontevedra.
A finais da década dos setenta a súa pintura abandona os parámetros da Escola de Madrid. Segundo explica a comisaria “desenvolve entón un estilo persoal que evoluciona cara a un expresionismo cromático centrado nas posibilidades plásticas da materia”. Leopoldo Varela non pinta, senón que modela o pigmento, en ocasións aplicándoo cos dedos para transmitir a cor da paisaxe galega, da que sempre afirmou que era moito máis do que se ve. A el dedicou Eduardo Blanco Amor a frase: “Ti na pintura sacas a flor da terra o que non vemos os demais”.
A súa obsesión pola cor levouno, nos anos noventa, a experimentar coa materia, cunha serie de obras que se amosan ao público por primeira vez. Na serie que denominou El Invento estampaba o papel sobre un cristal impregnado de óleo. E tamén explorou as posibilidades da augada, tanto aplicada con esponxas coma permitindo que se expandise polo soporte. Como afirma Beatriz de San Ildefonso, “Leopoldo non temeu perder o vínculo coa realidade para priorizar a atmosfera e a cor, intuíndo formas por toda a superficie en referencia á pintura de Turner, cuxa maneira de interpretar a paisaxe foi un dos seus referentes”.



