Esta acción enmárcase no programa provincial para facilitar o acceso das persoas maiores aos servizos da Administración pública e dotalas de autonomía nos trámites cotiáns adquirindo competencias dixitais coas que mellorar a súa calidade de vida
A Deputación de Pontevedra continúa a partir deste venres 26 de setembro na Lama a programación dos preto de 70 obradoiros de capacitación tecnolóxica do programa +Reto Dixital cun novo obradoiro centrado na aplicación electrónica do Sergas no que participarán veciños e veciñas da localidade. Esta iniciativa da institución provincial ten o obxecto de formar as persoas maiores de 50 anos da provincia para facilitarlles o seu acceso aos servizos da Administración pública, dotalas de maior autonomía para xestionar os seus trámites cotiáns, e mellorar a súa calidade de vida grazas á adquisición de competencias dixitais.
A formación, de 5 horas e cun módulo inicial sobre seguridade no uso de medios electrónicos e internet, será impartida de forma presencial por unha empresa especializada e terá lugar na aula da rúa Manuel Tosar Ferro nº1 da Lama. En liñas xerais, participan en +Reto Dixital, cun orzamento de 30.000 euros, un total de 23 concellos da provincia de reto demográfico. Os obradoiros xa comezaron no concello de Mondariz, A Lama, Meis, Vilanova de Arousa, Cerdedo-Cotobade e Portas, e seguiranlle Pontecesures, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Rodeiro, Caldas de Reis, Silleda, Fornelos de Montes, Vila de Cruces, Arbo, Barro, Sanxenxo, Meaño, O Rosal, Bueu, Dozón, Catoira e Ribadumia.
Con esta iniciativa, a Deputación de Pontevedra reafirma o seu compromiso coa inclusión dixital e coa mellora da calidade de vida das persoas maiores de 50 anos nos concellos de reto demográfico. A Deputación ofertou cinco cursos (‘A Administración electrónica’, ‘A Sede electrónica da Deputación e do meu Concello’, ‘Sergas, a súa aplicación electrónica e TELEA’, ‘Uso da banca móbil e as compras electrónicas’ e ‘As redes sociais’) e cada un incluirá un módulo inicial sobre seguridade no uso de medios electrónicos e da Internet.



