A Deputación de Ourense colabora co evento deportivo “Enduro Gomesende” que se disputará os días 2 e 3 de decembro. O vicepresidente segundo e deputado de Deportes, César Fernández, coñeceu no Pazo Provincial os detalles da competición da man da alcaldesa e do concelleiro de Deportes de Gomesende, Pura Rodríguez e Camilo Alonso, respectivamente; do xefe do Servizo de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez: e do responsable deportivo, Javier Quintas.
A competición, que chega por primeira vez ao municipio de Gomesende, disputarase en dúas xornadas: o sábado, 2 de decembro, será a quenda para os máis cativos con “mini enduro” para menores de 6 a 14 anos; e o domingo, 3 de decembro, será o enduro cos maiores de 16 anos. A organización estima unha participación de máis de cen en inscritos de distintos lugares de Galicia, e incluso tamén de Asturias, Castela e León, Madrid e Portugal.