A Deputación de Ourense colabora, desde o seu inicio, co Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso que este ano chega a súa XIX edición cunha programación que se desenvolverá do 8 ao 17 de maio. A presentación desta iniciativa cultural tivo lugar hoxe no Centro Cultural Marcos Valcárcel, acto no que participou o vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Cultura, César Fernández; o director de Agadic, Jacobo Sutil; e o presidente da Asociación Pórtico Musical, Juan Enrique Miguéns.
Na súa intervención, César Fernández puxo en valor o “carácter diferenciador” deste Festival, “referente da actividade cultural na nosa provincia desde hai anos”, por ser capaz de conxugar á perfección “a calidade musical con elementos patrimoniais singulares do noso territorio”.
A colaboración da Deputación con este proxecto cultural vénse materializando desde o seu inicio porque “entendemos que cumpre coas premisas fundamentais: calidade e capacidade de poñer en valor diferentes lugares da provincia”, explicou César Fernández.
Así mesmo, salientou a importancia da cultural como “elemento dinamizador da economía local e social dos territorios” e felicitou aos organizadores e participantes deste Festival que será “un novo éxito”.



