O presidente provincial, Luis Menor, xunto coa conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García; e o alcalde, Néstor Ogando, visitaron as obras desta infraestrutura social destinada a reforzar a atención ás persoas maiores do municipio
O custe do proxecto é de 858.506 euros, dos que a Deputación financia 415.000 euros e o resto é asumido pola Xunta. “A cooperación entre administracións é clave para impulsar os servizos sociais e loitar contra o reto demográfico”, sinalou Menor
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, visitou hoxe as obras do futuro Fogar Residencial da Gudiña, unha infraestrutura destinada a reforzar a atención ás persoas maiores no municipio e na súa contorna.
A Deputación participa no financiamento desta actuación cunha achega de 414.986,63 euros, no marco dunha colaboración institucional que permite impulsar novos servizos sociais no territorio provincial.
Durante a visita, xunto coa conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García; así como o alcalde, Néstor Ogando, o presidente provincial puxo en valor a importancia da cooperación entre administracións para facer realidade este tipo de proxectos. “Estamos ante un exemplo claro de como se resolven problemas esenciais, como a atención ás persoas maiores, con feitos e coa cooperación entre administracións”, sinalou Menor.
Neste sentido, explicou que a iniciativa é froito do traballo conxunto do Concello da Gudiña, que achega os terreos e a infraestrutura; da Xunta de Galicia, responsable das competencias en materia social e do investimento principal; e da Deputación de Ourense, que contribúe á cofinanciación destas actuacións para facilitar que os concellos poidan levalas adiante.
“Se non existise esta colaboración, moitos concellos non poderían asumir a parte de financiamento que lles corresponde e proxectos como este non serían posibles”, destacou. E lembrou tamén que a de Ourense é a deputación que máis convenios mantén co Executivo Galego para a mellora de obras e servizos nos municipios.
O futuro fogar residencial permitirá ofrecer 14 prazas para persoas maiores, cubrindo unha necesidade importante nunha zona onde ata agora non existía ningún centro destas características. Para o presidente provincial, este tipo de infraestruturas teñen unha dobre función: “por unha banda, prestan un servizo de proximidade e de calidade ás persoas maiores; e por outra, contribúen á creación de emprego e a fixar poboación no territorio”.
Estratexia contra a perda de poboación
Menor subliñou que actuacións como esta forman parte da estratexia da Deputación para facer fronte ao reto demográfico nunha provincia caracterizada pola dispersión territorial e o envellecemento da poboación. “Estamos nunha provincia envellecida e dispersa, pero tamén nunha provincia que está demostrando que se pode loitar contra a perda de poboación con iniciativas como esta”, afirmou.
O presidente provincial destacou tamén o importante esforzo inversor que se está realizando neste ámbito na provincia de Ourense, con actuacións en 16 concellos e unha inversión global próxima aos 15 millóns de euros, froito da colaboración entre a Xunta de Galicia e a Deputación.
Menor rematou felicitando ao Concello da Gudiña pola posta en marcha desta iniciativa e agradecendo o compromiso da Xunta de Galicia coa creación de novas infraestruturas sociais na provincia. “Ourense está a recibir un investimento moi importante neste ámbito e iso demostra que esta provincia ocupa o lugar que lle corresponde tamén nas políticas sociais”, concluíu.



