O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, mantivo un encontro cunha delegación da entidade municipalista brasileña no que abordaron cuestións centrais coma as políticas públicas de igualdade
A Deputación de Ourense e a Confederaçâo Nacional de Municípios (CNM) do Brasil estudan liñas de cooperación arredor de avanzar en políticas públicas máis eficaces no “desenvolvemento humano, social e económico das comunidades locais”, en materias clave como as políticas de igualdade.
O presidente da Deputación, Manuel Baltar, mantivo un encontro no salón de plenos do Pazo Provincial con Tania Ziulkoski, representante do CNM e presidenta do Movemento das Mulleres Municipais, xunto aos consultores xurídicos do CNM Ricardo Hermany e Elena Garrido. A delegación da Confederaçâo Nacional de Municípios estivo acompañada na súa visita a Ourense pola alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez, e o profesor da Universidade de Santiago de Compostela Marcos Almeida.
Manuel Baltar puxo en valor a importancia desta futura colaboración -“coa que seguimos apostando polo traballo en rede, con froitos especialmente valiosos para Ourense”- mentres destaca “a importancia de encontros como este para intercambiar experiencias e coñecementos en materias tan importantes como son as políticas públicas de igualdade”.
O presidente da Deputación agradeceu a oportunidade de “afondar na realidade política brasileña”, nunha xuntanza na que tamén “puidemos expoñer os nosos avances desenrolados nos últimos anos nesta e noutras cuestións que forman parte da política global”.
Pola súa banda, Tania Ziulkoski recoñeceu a dispoñibilidade da Deputación e do seu presidente, Manuel Baltar, a participar dunha reunión da que “extraemos valiosas experiencias e coñecementos”.
Compartir experiencias e coñecementos
A Deputación de Ourense e a CNM, como institucións que teñen como razón de ser a asistencia e cooperación cos municipios para garantir a súa maior e máis efectiva autonomía, coinciden en debuxar canles de cooperación para o intercambio de experiencias e coñecemento.
Ambas institucións sinalan intereses comúns en materias como a Axenda 2030, que requiren de alianzas estratéxicas para a súa consecución. Manuel Baltar e Tania Ziulkoski valoran que “o intercambio de coñecementos e de experiencias sobre diferentes políticas e iniciativas publicas, ideadas e executadas dende distintas cosmovisións, é o instrumento decisivo para o avance máis rápido e seguro na obtención de máis e mellores resultados nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible”.



