A iniciativa propón un modelo alternativo ao turismo de masas, baseado na identidade do territorio e no respecto activo polo seu patrimonio, a súa paisaxe e os seus habitantes
A Deputación xa contratou á Universidade de Vigo un servizo de asesoramento en materia de turismo, así como a elaboración dun proxecto turístico piloto e o seu financiamento a nivel europeo
Esta xornada é unha das actividades de difusión a desenvolver dentro do proxecto Post, proxecto cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Interreg Espazo Atlántico, no que participa a Deputación de Ourense xunto co Eixo Atlántico, o Inorde e outras entidades de Portugal, Irlanda e Francia
A Deputación de Ourense e o Eixo Atlántico organizaron un encontro para presentar un novo modelo turístico. Baixo o título “O turismo sostible policéntrico”, a xornada celebrouse no Campus de Ourense coordinada por Montserrat Cruz da Universidade de Vigo.
O xefe de negociado da Sección de Planificación, Patrimonio e Programas de Cooperación, Francisco Javier Feijoo, participou neste encontro que marcou o lanzamento público dunha innovadora proposta turística, xurdida no seo do Eixo Atlántico e desenvolta desde Ourense. A iniciativa propón un modelo alternativo ao turismo de masas, baseado na identidade do territorio e no respecto activo polo seu patrimonio, a súa paisaxe e os seus habitantes.
Cabe destacar a importancia do turismo como un sector clave para transformar os recursos do territorio nunha actividade económica sostible, pero prevendo os efectos negativos derivados dunha xestión inadecuada, como son: a presión sobre o territorio e o deterioro do patrimonio natural e cultural, así como o deterioro da calidade de vida dos seus habitantes.
Neste sentido, a Deputación xa contratou un servizo de asesoramento en materia de turismo, así como a elaboración dun proxecto turístico piloto e o seu financiamento a nivel europeo á Universidade de Vigo.
Precisamente, a Universidade xa está a asesorar á institución provincial nesta materia e realizando un proxecto turístico piloto que se esixe en cada unha das zonas de intervención elixidas. Este proxecto piloto vaise desenvolver e aplicar na zona de Valdeorras-Ribeira Sacra, e servirá para probar na provincia de Ourense a validez da estratexia de turismo sostible policéntrico desenvolvida entre tódolos socios do proxecto.
Novos conceptos: “turismo policéntrico” e “turismo de autor”
O proxecto introduce dous conceptos clave: o “turismo policéntrico” e o turismo de autor. Ambos enfoques buscan transformar a maneira na que se deseña e se consume a experiencia turística, ofrecendo produtos adaptados ás preferencias individuais dos visitantes e promovendo unha relación equilibrada entre turistas e territorio para evitar fenómenos como a turismofobia.
O “turismo policéntrico” propón distribuír a actividade turística a partir dos grandes polos de atracción, potenciando as pernoitas e articulando visitas cara localidades e recursos con gran valor cultural, arqueolóxico, natural ou gastronómico, para fomentar esas viaxes de longa distancia nestes lugares.
Exemplos destes contornos inclúen a Ribeira Sacra, Santiago de Compostela, Lugo ou Ourense, espazos onde o patrimonio e a identidade local configuran un gran potencial de desenvolvemento turístico sostible.
Impulso académico e novas profesións turísticas
A posta en marcha destes modelos turísticos xera a necesidade de novas cualificacións e perfís profesionais. Para elo, o Campus de Ourense da Universidade de Vigo desenvolve programas de formación específicos orientados a capacitar profesionais capaces de deseñar, xestionar e comunicar produtos turísticos de autor e propostas policéntricas.
Esta xornada é unha das actividades de difusión a desenvolver dentro do proxecto Post, proxecto cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Interreg Espazo Atlántico, no que participa a Deputación de Ourense conxuntamente cun partenariado formado polo Eixo Atlántico, o Inorde e outras entidades de Portugal, Irlanda e Francia.



