HomeDeputaciónsDeputación OurenseA Deputación de Ourense e o Sergas asinan un convenio para facilitar...

A Deputación de Ourense e o Sergas asinan un convenio para facilitar o acceso gratuíto a programas de fitness a colectivos terapéuticos no Pazo Paco Paz

- Anuncio -spot_img

O acordo dá continuidade a experiencias previas de colaboración entre ambas institucións e amplía agora o seu alcance a outros colectivos terapéuticos

O acordo foi subscrito polo presidente provincial, Luis Menor, e polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, nun acto no que se puxo en valor “a cooperación institucional como ferramenta clave para mellorar a calidade de vida das persoas”

A Deputación de Ourense e o Servizo Galego de Saúde veñen de asinar un convenio de colaboración que permitirá o acceso bonificado ao 100 % aos programas de fitness que se desenvolven no Pazo dos Deportes Paco Paz para distintos colectivos terapéuticos adscritos ao Sergas.

O acordo foi subscrito polo presidente provincial, Luis Menor, e polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, nun acto no que se puxo en valor “a cooperación institucional como ferramenta clave para mellorar a calidade de vida das persoas”.

Deste xeito, Menor destacou que “este convenio é un exemplo claro de como os recursos públicos poden sumar para mellorar a saúde das persoas, eliminando barreiras económicas e apostando por un modelo de atención máis integral”.

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, agradeceu á Deputación “o seu compromiso e leal colaboración” e recalcou que esta iniciativa leva anos “demostrando o seu enorme potencial”, motivo polo que se ampliou a diferentes colectivos terapéuticos, entre eles os do Hospital de Día de Saúde Mental. Desde a súa posta en marcha, no 2023, recalcou que xa beneficiou a 300 pacientes.

 O convenio terá vixencia entre os anos 2025 e 2029 e permitirá que pacientes pertencentes a colectivos terapéuticos determinados polo Servizo Galego de Saúde poidan participar nos programas de fitness adaptados á súa patoloxía, sen custo algún, reforzando así o papel da actividade física como complemento terapéutico e preventivo.

A través deste acordo, a Deputación de Ourense pon a disposición da sanidade pública galega as instalacións do Pazo dos Deportes Paco Paz, “consolidando este espazo como un recurso ao servizo da saúde, do benestar e da inclusión social”, tal e como puxo de manifesto Luis Menor trala sinatura. Pola súa banda, o Servizo Galego de Saúde será o encargado de seleccionar os pacientes beneficiarios e de garantir a adecuación dos programas ás súas necesidades clínicas.

O acordo dá continuidade a experiencias previas de colaboración entre ambas institucións e amplía agora o seu alcance a outros colectivos terapéuticos.

Para o seguimento e correcta execución do convenio establécese unha comisión mixta paritaria, que velará pola coordinación, avaliación e cumprimento dos obxectivos marcados.

Con esta iniciativa, “a Deputación de Ourense reafirma o seu compromiso cunha provincia máis saudable, apostando pola actividade física como eixo fundamental das políticas públicas de benestar”, concluíu o presidente Luis Menor.

Publicacións Relacionadas