Home Deputacións Deputación Ourense A Deputación de Ourense estrea en primicia o videoclip de “Lyla”, do...

A Deputación de Ourense estrea en primicia o videoclip de “Lyla”, do Grammy Latino Daniel Minimalia, rodado na Ribeira Sacra

0
2
PRESENTACIÓN VÍDEO DE DANIEL MINIMALIA O presidente provincial, Luis Menor, asiste á presentación do novo vídeo de Daniel Minimalia. No Centro Cultural Marcos Valcárcel.

O presidente provincial, Luis Menor, destacou a “promoción cultural e paisaxística sen precedentes” que supón a rodaxe deste proxecto na provincia

Minimalia agradeceu o apoio da Deputación e amosou a súa ilusión por “levar a Ourense por diante”

A estrea mundial do videoclip será mañá, 28 de novembro, en tódalas plataformas musicais

O compositor e guitarrista ourensán Daniel Minimalia presenta en primicia o seu novo videoclip, “Lyla”, rodado na Ribeira Sacra co patrocinio da Deputación de Ourense. O presidente provincial, Luis Menor, agradeceu ao artista que “sempre volva á casa” e destacou a Minimalia como “gran embaixador da nosa terra”. O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu a estrea do proxecto audiovisual, que chegará mañá, 28 de novembro, ao gran público. Así, Menor definiu como unha “oportunidade” e un “luxo” que Ourense desfrute en exclusiva deste adianto do que será o sexto álbum do artista, titulado “TR3ZE”.

“O primeiro galego en obter un galardón tan prestixioso como é o Grammy Latino, Daniel Minimalia, xa é parte dos grandes embaixadores desta terra sagrada”, destacou Menor, que definiu o vídeo como “unha promoción cultural e paisaxística da Ribeira Sacra  de Ourense sen precedentes.

O videoclip, financiado pola Deputación, foi rodado en paraxes como o canón do Sil, o mosteiro de Santa Cristina, a igrexa de San Pedro de Rocas e outras paraxes de gran simbolismo. Forma parte do próximo álbum de Minimalia, que irá acompañado dunha xira internacional que comezará en Berlín e seguirá en Europa Central, Estados Unidos e Asia.

Minimalia amosou a súa “ilusión de levar Ourense por diante” nos seus proxectos e puxo en valor a “mística” que lle da “identidade” á Ribeira Sacra no videoclip.

O primeiro español con dous Hollywood Music in Media Awards

O guitarrista e compositor Daniel Minimalia é o primeiro español gañador de dous Hollywood Music in Media Awards e é autor de cinco traballos discográficos Akainik (2011), Cuentos Sonoros (2012), Arenas de Luna (2014), Origen (2016), Terra (2020) e o próximo álbum “TR3ZE”. Tamén é autor do libro “La Música Que Llevas Dentro” (2022).

Neste novo single, “Lyla ” (Audio Maze Music), o ourensán está acompañado pola artista internacional Ekaterina Shelehova, cuxa voz máxica e mística transcendeu fronteiras. Deuse a coñecer mundialmente coa actuación viral “Earth Melodies” no programa Italia’s Got Talent (2021). Ten un estilo vocal que mestura ópera, canto ancestral e espiritualidade e o seu talento dálle profundidade ao novo proxecto de Minimalia.