HomeDeputaciónsDeputación OurenseA Deputación de Ourense estuda habilitar unha liña extraordinaria de axudas para...

A Deputación de Ourense estuda habilitar unha liña extraordinaria de axudas para restablecer servizos e infraestruturas municipais afectadas polos temporais

- Anuncio -spot_img

O obxectivo é permitir que os concellos damnificados poidan acometer obras de emerxencia ante os danos rexistrados polas continuas e intensas chuvias

“Somos plenamente conscientes da situación na que se atopan moitos dos nosos concellos”, recoñeceu Luis Menor. Engadiu neste sentido que é unha obriga da Deputación “reaccionar con axilidade para que a falta de recursos técnicos ou económicos non sexa un obstáculo para a volta á normalidade”

A Deputación de Ourense estuda habilitar unha liña extraordinaria de axudas para que os concellos afectados polos sucesivos temporais restablezan servizos públicos básicos. Así o avanzou o presidente do Goberno provincial, Luis Menor, quen explicou que estas achegas terían por obxectivo permitir que os municipios damnificados poidan acometer obras de emerxencia e recuperar servizos e infraestruturas danadas polas continuas e intensas chuvias.

“Somos plenamente conscientes da situación de vulnerabilidade na que se atopan moitos dos nosos concellos tras os temporais”, recoñeceu Luis Menor. Engadiu neste sentido que é unha obriga da Deputación “reaccionar con axilidade para que a falta de recursos técnicos ou económicos non sexa un obstáculo para a volta á normalidade”.

O Goberno provincial, anunciou o presidente, vai iniciar os traballos de recompilación dos danos rexistrados nos servizos públicos esenciais e nas infraestruturas municipais.

Os servizos técnicos da Deputación traballarán en estreita colaboración cos alcaldes e alcaldesas das zonas máis afectadas para realizar un inventario detallado dos danos. Esta análise permitirá determinar a contía e o alcance dos fondos, buscando unha repartición eficiente que atenda á urxencia de cada caso.

Con esta medida, a institución provincial reafirma o seu papel cooperador cos concellos, garantindo que os municipios con menores recursos poidan facer fronte ás consecuencias dos fenómenos meteorolóxicos adversos que se veñen rexistrando desde hai máis de vinte días.

A pleno rendemento as brigadas de Vías e Obras

Polo de agora, a Deputación de Ourense, a través do Servizo de Vías de Obras, está a atender as principais incidencias que se rexistran na rede provincial de estradas (1.850 Km).

Só a pasada semana atendéronse 400 incidencias, das que 52 foron como resultado de chamadas directas do 112 e o resto por avisos dos concellos, a detección de problemas por parte das propias brigadas da Deputación, e mesmo chamadas de particulares.

Ademais de cortes temporais de diferentes tramos de estradas pola presencia de auga, os avisos estaba relacionados con derrubes de noiros, pedras que invaden a calzada, atrancos, caños, foxos e sumidoiros levantados.

A práctica totalidade das brigadas pertencentes ao Servizo de Vías e Obras están destinadas na actualidade a solucionar estas incidencias, mobilizando a 60 persoas por toda a provincia, con 16 brigadas distribuídas en puntos como O Carballiño, Celanova, Ourense, Allariz-Maceda, Trives, Parada de Sil, Valdeorras, Viana-A Veiga, Verín, Xinzo de Limia e Bande. A maiores, seis vixiantes e tres encargados percorren as diferentes zonas e avisan das posibles incidencias non recollidas polo 112 ou polos concellos e particulares.

Hai tamén seis equipos máis de retén para atender emerxencias, con tres operarios cada un, para facer fronte ás incidencias en calquera momento do día e da semana.

Desde o Servizo de Vías e Obras da Deputación insístese na precaución á hora de circular por todas as vías, facendo caso á sinalización.

Publicacións Relacionadas