O presidente provincial, Luis Menor, en calidade de presidente de Vilas Termais da FEMP, presentou nunha reunión en Madrid un proxecto experimental de “turismo emocional” para a tempada invernal nos centros termais
Menor valorou o encontro como “moi frutífero” e resaltou o “compromiso” da Deputación no obxectivo de desestacionalizar o turismo
O presidente da Deputación de Ourense, #Luis Menor, en calidade de presidente de Vilas Termais da FEMP, expuxo hoxe á Secretaria de Estado de Turismo, Rosario Sánchez Grau, un programa experimental de turismo emocional, que incentive a apertura dos balnearios no mes de decembro. Este proxecto abordouse nunha reunión de traballo celebrada en Madrid, na que tamén participaron o secretario xeral da FEMP, Antonio Martínez-Sicluna Sepúlveda e a directora xeral de Políticas Locais, Cristina Moltalvá Medina.
“Ourense e a Deputación expoñen un programa innovador para que 500 persoas poidan usar os balnearios no mes de decembro e contribuír a esa loita pola desestacionalización”, valorou #Luis Menor tras a reunión en Madrid, que valora como “moi frutífera”.
Pola súa banda, desde a FEMP valoran “moi positivamente” a predisposición da Secretaria de Estado e do Ministerio e o compromiso coa procura de fórmulas para desestacionalizar a oferta termal.
A axenda do encontro tiña varios puntos, pero o de maior relevancia para as Vilas Termais foi o relativo ao deseño e desenvolvemento deste programa de impacto social para reverter a situación dos balnearios, cuxa maioría pecha durante unha parte do ano -período que varía en función de cada centro termal- pero co factor común do peche en parte da tempada invernal, especialmente no citado mes de decembro.
“A maioría dos balnearios de España permanecen pechados en decembro e a vida económica e social dos municipios nos que se sitúan vese moi resentida pola inexistencia de actividade económica nos centros termais”, explicou #Luis Menor durante o encontro de traballo.
Ademais, abordouse outro impacto directo do peche de balnearios, como é o turismo municipal, xa que a actividade termal tira doutras pequenas empresas do sector servizos relacionadas co termalismo.
Un proxecto de impacto social
Luis Menor expuxo á secretaria de Estado un programa cun dobre impacto social: por unha banda. o efecto que produciría a ampliación do período de apertura dos balnearios na vida social e económica das propias vilas termais, e un segundo impacto relacionado co perfil social ao que se enfocaría o programa.
Neste sentido, o programa que se está deseñando consistiría nunha experiencia de “turismo emocional” que tería un impacto positivo no benestar do colectivo para o que se está pensando o seu contido, que sería personalizado.
A FEMP prevé presentar o proxecto na Asemblea das Vilas Termais que se desenvolverá en Veigas de Tirado (Salamanca) no mes de outubro. para que as vilas termais interesadas puidesen incorporarse ao programa en 2026, e que un reducido número de Vilas Termais testasen de maneira experimental a proposta este mesmo decembro de 2025.
Desde a FEMP convidouse á Secretaria de Estado, a Rosario Sánchez, e ao propio Ministerio de Industria e Comercio, a participar nas Xornadas.
Miles de prazas de turismo termal pechadas durante un mes
En España existen ao redor de 130 balnearios e 75 municipios considerados Vilas Termais da FEMP, entidades locais pertencentes a 31 provincias de 13 Comunidades Autónomas diferentes.
O 55% das Vilas Termais son municipios de menos de 2.500 habitantes, o sector termal é un exemplo de actividade localizada en espazos rurais de singular beleza e historia que ten que facer fronte ao reto demográfico, xa que na súa maioría sitúanse en espazos caracterizados por esta realidade.