Segundo destacou o presidente da Deputación, “Ourense Reto Dixital é unha ferramenta de cohesión social e territorial que reforza o compromiso da institución provincial coa igualdade de oportunidades, a modernización do territorio e o futuro do noso medio rural”
No momento de solicitar a subvención, adheríronse ao proxecto 67 concellos da provincia e 17 asociacións de interese social, e o resto poderá sumarse comunicándoo á Deputación
A Deputación de Ourense presentou hoxe o proxecto Ourense Reto Dixital, unha iniciativa que busca achegar a formación tecnolóxica ás persoas que viven no medio rural da provincia, especialmente aos colectivos máis vulnerables: persoas maiores, desempregadas, infancia e mocidade.
O proxecto conta cunha subvención de 750.000 euros de fondos Next Generation, xestionados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a contía máxima que se podía obter nesta convocatoria. A Deputación de Ourense é, ademais, unha das 40 entidades de toda España que conseguiu acceder a estas axudas do Programa Nacional Reto Rural Dixital, tal e como resaltou o presidente provincial, Luis Menor, que presentou xunto ao director da Área de Transparencia, Marcos Valiño, as claves deste proxecto.
A iniciativa prevé formar a 6.000 persoas do rural a través de cursos presenciais e virtuais, cunha duración mínima de 7,5 horas, centrados na adquisición de competencias dixitais básicas. Tamén se habilitará unha aula itinerante, que permitirá impartir formación nos lugares onde non existan espazos específicos.
A empresa ourensá Academia Trinidad será a encargada de impartir os cursos, que permanecerán dispoñibles nunha plataforma de teleformación durante cinco anos, para que a cidadanía poida consultalos ou repetilos cando o precise.
Cursos prácticos e adaptados ao día a día
Entre os contidos que se ofrecerán destacan accións moi prácticas, como: facer videoconferencias por WhatsApp; pagar un recibo ou facer unha transferencia dende o móbil; presentar unha solicitude en liña; usar a aplicación do Sergas; mercar con seguridade en Internet; ou empregar as redes sociais de forma responsable
Implicación dos concellos e entidades sociais
No momento de solicitar a subvención, adheríronse ao proxecto 67 concellos da provincia e 17 asociacións de interese social, e o resto poderá sumarse comunicándoo á Deputación.
A institución provincial solicita a súa colaboración na difusión das actividades, na captación de alumnado e, cando sexa preciso, no achegamento de aulas ou espazos municipais. De feito, Menor anunciou axudas de 500 euros aos concellos que poñan a disposición estes espazos.



