A Deputación de Ourense impulsará o uso da intelixencia artificial nas políticas sociais dos concellos e entidades do terceiro sector

Redacción
Lectura mínima de 3

A Área de Benestar considera á IA unha ferramenta clave para mellorar a eficiencia administrativa e reforzar a atención directa á cidadanía

Neste marco, a primeira medida será posta en marcha do Plan Coñecemento IA-Benestar, orientado á capacitación básica do persoal público e dos técnicos sociais no uso práctico da intelixencia artificial aplicada ao seu día a día

Para desenvolver esta iniciativa, a Deputación de Ourense establecerá unha liña de cooperación co Campus de Ourense da Universidade de Vigo, a través do Centro de Posgrao e Formación Permanente, con ata 75 prazas

A Deputación de Ourense, a través da Área de Benestar, impulsará o uso da intelixencia artificial nas políticas sociais dos concellos e das entidades do terceiro sector da provincia, coa posta en marcha dun plan de capacitación tecnolóxica dirixido aos profesionais do ámbito social.

Nun contexto de transformación constante das administracións públicas, a intelixencia artificial preséntase como unha ferramenta clave para mellorar a eficiencia administrativa e reforzar a atención directa á cidadanía. Neste marco, a primeira medida será a posta en marcha do Plan Coñecemento IA-Benestar, orientado á capacitación básica do persoal público e dos técnicos sociais no uso práctico da intelixencia artificial aplicada ao seu día a día.

Primeira microcredencial universitaria en IA

Para desenvolver esta iniciativa, a Deputación de Ourense establecerá unha liña de cooperación co Campus de Ourense da Universidade de Vigo, a través do Centro de Posgrao e Formación Permanente. Froito desta colaboración, crearase a primeira microcredencial universitaria en intelixencia artificial aplicada aos servizos sociais, cunha carga formativa de 2 ECTS, deseñada especificamente para responder ás necesidades dos profesionais do ámbito social.

Esta formación permitirá optimizar a redacción de informes sociais, automatizar fluxos de traballo, mellorar a xestión de datos e facilitar a toma de decisións baseada en documentación técnica, reducindo a carga burocrática e permitindo dedicar máis tempo á atención directa á cidadanía. Ademais, ofrecerá unha base sólida sobre a intelixencia artificial xerativa, os seus usos e as súas limitacións, contribuíndo a eliminar barreiras tecnolóxicas e mellorar a eficacia administrativa.

Ata 75 prazas

A primeira edición desta microcredencial contará con ata 75 prazas, dirixidas a profesionais das administracións locais e das entidades sociais da provincia. A matrícula estará subvencionada nun 75% con fondos Next Generation, xestionados a través da Xunta de Galicia, e as clases poderán seguirse tanto de forma presencial como por videoconferencia, con inicio previsto para o 22 de abril.

Con esta iniciativa, a Deputación de Ourense reforza o seu compromiso coa innovación e coa modernización dos servizos sociais, apostando pola tecnoloxía como ferramenta para mellorar a calidade da atención á cidadanía e fortalecer a rede de benestar na provincia.

Comparte este artigo