Proxecto Arraigo realizará un estudo para sentar as bases dunha estratexia provincial de recuperación directa de poboación que atraia novas familias comprometidas coa integración na vida social do municipio de destino
A Deputación de Ourense vén de poñer en marcha a primeira fase dun plan estratéxico para loitar contra o despoboamento no territorio provincial. Trátase dunha iniciativa que combina diagnóstico territorial, colaboración municipal e acompañamento humano, desenvolta en alianza con Proxecto Arraigo, entidade referente en procesos de repoboación efectiva e duradeira.
Durante este período, Proxecto Arraigo levará a cabo un estudo nos municipios ourensáns en risco demográfico, co fin de sentar as bases dunha estratexia provincial de recuperación directa de poboación que atraia novas familias comprometidas coa integración na vida social do municipio de destino.
Os concellos interesados xa poden adherirse ao plan e participando nas sesións informativas que se organizarán en diferentes comarcas da provincia. Proximamente anunciaranse a data e lugar destes encontros.
A metodoloxía desta iniciativa fundaméntase na conexión directa entre pobos e familias que desexan establecerse no medio rural cun proxecto vital estable, achegando valor ao territorio e favorecendo a cohesión comunitaria.
A Deputación de Ourense destaca que esta medida reforza a folla de ruta provincial en materia de desenvolvemento rural. A colaboración con Proxecto Arraigo supón incorporar unha metodoloxía validada, recoñecida polo seu impacto social, económico e humano.
Proxecto Arraigo xa traballa en máis de 600 pobos de distintas rexións de España e acompañou na súa instalación a máis de 3.000 persoas.