A campaña pretende concienciar á poboación sobre a mensaxe da Organización Mundial da Saúde (OMS) que advirte sobre os profundos impactos do illamento social e a soidade das persoas.
Para a OMS a “conexión social” non só reduce o risco de enfermidades e prolonga a esperanza de vida, senón que tamén fortalece o tecido das comunidades, dotando á vida de significado e dun profundo sentido de pertenza
A campaña está conectada á iniciativa piloto TERnadal que oferta durante o mes de decembro os balnearios como espazos de “conexión social”
A Deputación de Ourense pon en marcha a campaña “En soidade, non esperes máis”, unha iniciativa destinada a visibilizar e concienciar á cidadanía sobre a realidade diaria das persoas que padecen soidade non desexada, así como sobre o impacto que esta situación ten na saúde e no benestar.
A campaña enmárcase na recente advertencia realizada pola Organización Mundial da Saúde (OMS), cuxa Comisión de Conexión Social alerta sobre os profundos efectos do illamento social durante todo o proceso de envellecemento. A OMS lembra que a saúde social é un piar fundamental —e moitas veces ignorado— do benestar integral, tan esencial como a saúde física e mental.
Segundo o organismo internacional, a conexión social reduce o risco de enfermidades, prolonga a esperanza de vida e reforza o tecido das comunidades, dotando ás persoas de significado vital e dun profundo sentido de pertenza. Pola contra, a soidade non desexada constitúe un grave problema de saúde pública global, cunha prevalencia e unhas consecuencias severas que están sendo subestimadas.
TERnadal: termalismo para conectar e acompañar no Nadal
Para dar resposta a esta realidade, a Deputación de Ourense impulsa a iniciativa piloto TERnadal, un programa que permitirá que un milleiro de persoas participen en estancias termais durante o mes de decembro co obxectivo de combater a soidade non desexada.
O programa está dirixido a persoas que se atopen en situación de vulnerabilidade emocional ou que vivan soas, con independencia do seu lugar de residencia, e que desexen compartir as festas en compañía.
As estancias, de seis ou quince días de duración, desenvolveranse en distintos hoteis-balneario da provincia e incluirán aloxamento en pensión completa; acceso a piscinas de auga mineromedicinal; dúas técnicas termais diarias; actividades específicas para favorecer a socialización e consulta médica opcional.
Ademais, programáronse quendas especiais en días sinalados —Nadal, Fin de Ano e Reis— para garantir que ningunha persoa teña que vivir estas datas en soidade.
Toda a información e o proceso de solicitude están dispoñibles na web oficial: https://www.termalismourense.com/ternadal
Un compromiso da Deputación coa saúde social
Co lanzamento desta campaña e da iniciativa TERnadal, a Deputación de Ourense reafirma o seu compromiso cos coidados, o benestar e a atención ás persoas máis vulnerables. A institución provincial destaca que a loita contra a soidade non desexada require respostas innovadoras, humanas e coordinadas, nas que o termalismo, un dos recursos identitarios da provincia, se converte tamén nun espazo de encontro, acompañamento e esperanza.



