HomeDeputaciónsDeputación OurenseA Deputación de Ourense mobiliza 652.200 euros cun forte impulso ás infraestruturas...

A Deputación de Ourense mobiliza 652.200 euros cun forte impulso ás infraestruturas deportivas municipais

- Anuncio -spot_img

Medio millón de euros corresponden á ratificación dos convenios con Viana do Bolo e Cenlle para a mellora dos seus campos de fútbol, así como con Vilamarín para a construción dun novo polideportivo no municipio

Lembra o presidente provincial, Luis Menor, o convenio da Deputación, dotado con preto de 3,7 millóns de euros, para a mellora de campos de fútbol, que “garante que todos os concellos, independentemente do seu tamaño, dispoñan de infraestruturas deportivas seguras, actuais e adecuadas á realidade das escolas deportivas e da mocidade”

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou esta mañá un conxunto de sete acordos que mobilizan 652.200 euros, dos que 610.200 euros se destinan directamente á cooperación con concellos e 42.000 euros a apoiar entidades culturais e deportivas da provincia.

O presidente da Deputación, Luis Menor, subliñou que estes acordos “reforzan o obxectivo estratéxico do mandato: apoiar aos concellos con proxectos reais que melloran a calidade de vida da veciñanza, con especial atención ao deporte, aos espazos públicos e ás infraestruturas municipais”.

Mellora de instalacións deportivas municipais

A sesión deste luns destacou pola aprobación de tres convenios de colaboración que supoñen un investimento conxunto de 500.000 euros para modernizar campos de fútbol e infraestruturas deportivas en tres concellos. En Cenlle, a Deputación achega 150.000 euros para o acondicionamento do campo de fútbol, dentro dun investimento total comprometido pola Deputación de 362.411,86 euros, co obxectivo de modernizar o terreo de xogo e mellorar a súa seguridade e funcionalidade.

O executivo provincial aprobou tamén unha achega de 150.000 euros para o novo campo de fútbol de herba artificial As Carretas, en Viana do Bolo, que supón un investimento global de 443.668,14 euros. Trátase dun proxecto clave para o deporte de base e para reforzar a ampla tradición deportiva deste concello.

Así mesmo, acordouse destinar 200.000 euros á construción do novo polideportivo municipal de Vilamarín, incluído nun investimento total de 492.302 euros que se executará en tres anualidades. “Esta é unha infraestrutura moi demandada e que permitirá dinamizar a práctica deportiva e a actividade social en Vilamarín”, destacou o presidente.

Un convenio estratéxico para mellorar campos de fútbol

Dentro desta liña de apoio ao deporte, o presidente quixo destacar o marco máis amplo dun convenio provincial estratéxico para a mellora e modernización dos campos de fútbol municipais.

Neste programa están comprometidos 3.685.024,94 euros, que abranguen actuacións en practicamente todas as comarcas ourensás. Entre os concellos beneficiados figuran: Xinzo de Limia, Toén, A Pobra de Trives, O Pereiro de Aguiar, Maside, Lobios, Cartelle, Amoeiro e Arnoia, moitas das obras contempladas xa están finalizadas. As actuacións en Cenlle e Viana do Bolo aprobadas hoxe tamén se inscriben neste convenio.

“Este plan garante que todos os concellos, independentemente do seu tamaño, dispoñan de infraestruturas deportivas seguras, actuais e adecuadas á realidade das escolas deportivas e da mocidade”, afirmou Menor.

Subvencións a entidades e actuacións municipais

Ademais das infraestruturas deportivas, a Xunta de Goberno aprobou 95.200 euros para o Concello de Nogueira de Ramuín, destinados a obras de beirarrúas e soterramento de redes na travesía de San Miguel. Tamén lle concedeu 15.000 euros ao Concello da Peroxa para a creación dunha nova praza pública en Pousada.

No que atinxe ás entidades, destínanse 30.000 euros para o Club Artístico de Ribadavia, para melloras na súa sede, así como 12.000 euros para o Colectivo Hércules de Toén para a organización dunha proba deportiva.

Publicacións Relacionadas