HomeDeputaciónsDeputación OurenseA Deputación de Ourense mobiliza preto de 300.000 euros en axudas para...

A Deputación de Ourense mobiliza preto de 300.000 euros en axudas para infraestruturas e servizos municipais

- Anuncio -spot_img

A Xunta de Goberno aprobou hoxe diversas achegas para obras de mellora en estradas, centros de saúde e equipamentos públicos, así como os prezos públicos para as “Escolas de Verán Deportivas 2026”, que se manteñen en 30 euros por usuario á semana

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, en sesión ordinaria celebrada esta mañá, deu luz verde a un paquete de 10 axudas que suman un total de 288.647,87 euros destinados á cooperación directa cos municipios. Estas achegas permitirán financiar proxectos fundamentais para o día a día dos veciños en diferentes comarcas da provincia.

O Concello de Carballeda de Avia destaca nesta sesión ao recibir tres subvencións que suman case 96.000 euros: 39.275,00 € para a substitución da cubrición do edificio do centro de saúde; 45.477,85 € destinados á rehabilitación do tellado da Casa do Concello; e 11.252,03 € para a instalación de autoconsumo colectivo para a comunidade enerxética local. O Concello da Merca tamén obterá unha axuda de 60.000 euros para a mellora da eficiencia enerxética en varios núcleos do municipio.

A Xunta de Goberno da institución provincial tamén aprobou diversas partidas para o acondicionamento de camiños e núcleos rurais. Así, o Concello de Bande recibirá un total de 34.000 euros para a mellora de camiños nos núcleos de Calvos (4.000 €) e Sarreaus e Seoane (30.000 €). No que respecta ao Concello de Muíños, percibirá 20.000,00 € para o acondicionamento de espazos públicos en Xermade, Porqueirós e Pazos. Para o Concello de Padrenda aprobouse unha axuda de 19.999,99 € para a pavimentación do acceso en Vendas. A Viana do Bolo destinaranse 12.600,00 € para obras de ocultación de colectores, mellorando así o impacto visual e a xestión de residuos. Por último, o Concello de Vilardevós suma 46.043,00 € repartidos entre a reforma do parque infantil e área recreativa de Florderrei (31.314,90 €), así como para reparacións de pavimentación en A Trave (14.728,10 €).

Deporte e Administración

No eido deportivo, a Xunta de Goberno fixou os prezos públicos para a prestación do servizo “Escolas de Verán Deportivas 2026”, facilitando a planificación de actividades para a época estival. Este programa desenvolverase do 6 ao 31 de xullo de 2026 nas instalacións do Pazo dos Deportes “Paco Paz”. A iniciativa está orientada a facilitar a conciliación da vida laboral, familiar e persoal das familias ourensás durante o período vacacional, promovendo ao mesmo tempo os valores do deporte e da convivencia.

O programa contará cun máximo de 320 participantes e aplicará unha bonificación xeral do 39,28% sobre o custo real do servizo por razóns sociais e de interese público. A tarifa para a modalidade “Escola Básica” —con acollemento matinal desde as 08:00h e actividades ata as 14:00h— será de 30 € por usuario/a á semana, manténdose este prezo igual nos últimos anos. O acordo publicarase no Boletín Oficial da Provincia e toda a información estará dispoñible en www.pazopacopaz.es e na sede electrónica da Deputación.

Publicacións Relacionadas