HomeDeputaciónsDeputación OurenseA Deputación de Ourense reafirma o seu compromiso coa Asociación Contra o...

A Deputación de Ourense reafirma o seu compromiso coa Asociación Contra o Cancro

- Anuncio -spot_img

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense adheriuse hoxe á Declaración institucional con motivo da celebración o vindeiro 4 de febreiro do Día Mundial Contra o Cancro, e reafirmou o compromiso da institución provincial coa entidade desta organización en Ourense, confirmando o presidente Manuel Baltar que ao longo deste ano 2021 farase efectiva unha achega por importe de 80.000 euros, con cargo aos orzamentos da Deputación de Ourense, que irán destinados a acondicionamento da sede provincia da AECC en Ourense, un compromiso de colaboración que Baltar asumira en novembro pasado na xuntanza que mantivera no Pazo Provincial coa presidenta da AEEC en Ourense, Dora Gómez; co coordinador da asociación, Agustín Pérez, e co colaborador e arquitecto, Alberto de Paula.

Na declaración institucional á que se suma a Deputación de Ourense, a Xunta de Goberno manifesta a súa solidariedade con todas as persoas afectadas por esta enfermidade e declara o seu compromiso para contribuír a responder ás súas necesidades e paliar o impacto da pandemia nas súas vidas.

Neste sentido, a institución provincial avoga por que se leven a cabo as accións pertinentes para paliar a súa situación de especial vulnerabilidade, así como garantir, en condicións de equidade, os dereitos das persoas con cancro e as súas familias, e manifesta o seu apoio á investigación do cancro, como instrumento imprescindible na loita contra esta enfermidade, e traslada o seu recoñecemento a todas as asociacións e entidades que están acompañando ás persoas afectadas polo cancro, polo seu compromiso e labor continuada.

Deporte

Por outra banda, no ámbito deportivo, a Xunta de Goberno aprobou as bases reguladoras da convocatoria do concurso para a concesión de axudas a clubs deportivos de Ourense para o ano 2021. A finalidade desta convocatoria é financiar parcialmente os gastos derivados da súa participación na competición deportiva durante a tempada 2020-2021. O investimento destinado para dita convocatoria ascende a 350.000 euros, sendo a contía máxima das axudas de 24.000 euros por cada beneficiario.

Esta liña de axudas vai dirixida a clubs deportivos que reúnan os seguintes requisitos: estar inscritos nos rexistros deportivos da Xunta de Galicia; ter o seu domicilio social na provincia de Ourense, circunstancia que deberá constar na inscrición no rexistro deportivo oficial da Xunta de Galicia; participar na tempada 2020/2021 en competicións oficiais, calquera que sexa o seu ámbito, convocadas polas súas respectivas federacións; e posuír, polo menos, un equipo de base acreditado, é dicir, inferior á categoría senior ou absoluta. Para os clubs que compitan en disciplinas individuais establécese como requisito básico posuír un mínimo de dez licenzas federativas de deportistas de base en competición. As entidades polideportivas, para ser consideradas como tales, deberán posuír e acreditar base en cada unha das disciplinas deportivas.

No apartado de cooperación cos municipios da provincia, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 50.000 euros para o Concello de Piñor para o programa de prevención de incendios e limpeza de marxes das estradas e, para o Concello da Veiga, unha axuda de 141.000 euros para a residencia da terceira idade, sita en A Pateira.

Publicacións Relacionadas