HomeDeputaciónsDeputación OurenseA Deputación de Ourense recolle na localidade valenciana de Cullera as Bandeiras...

A Deputación de Ourense recolle na localidade valenciana de Cullera as Bandeiras Sendero Azul 2026, que consolidan o liderado termal provincial

- Anuncio -spot_img

O deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, participou no acto oficial de entrega destes recoñecementos, que distinguen cinco itinerarios vinculados a contornas termais e balnearios da provincia

Os percorridos recoñecidos corresponden ás contornas termais de Arnoia, Laias (Cenlle), Lobios, O Carballiño e Ribadavia, que se incorporan á rede estatal de Senderos Azules e se suman á bandeira xa existente na Serra do Invernadoiro, elevando a seis o número total de distintivos na provincia de Ourense

A Deputación de Ourense participou hoxe no acto oficial de entrega das Bandeiras Sendero Azul 2026, organizado pola ADEAC no Auditorio de Cullera, onde o deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, recolleu os distintivos que acreditan cinco novos itinerarios da provincia dentro desta rede estatal de sendeiros de excelencia ambiental.

Os percorridos recoñecidos corresponden ás contornas termais de Arnoia, Laias (Cenlle), Lobios, O Carballiño e Ribadavia, que se incorporan á rede estatal de Senderos Azules e se suman á bandeira xa existente na Serra do Invernadoiro, elevando a seis o número total de distintivos na provincia de Ourense.

Durante o acto, Rosendo Fernández destacou que este recoñecemento “consolida o posicionamento de Ourense como unha provincia referente no aproveitamento sostible dos seus recursos naturais e, especialmente, do seu potencial termal”.

“Os nosos sendeiros non son só itinerarios paisaxísticos. Son espazos que conectan natureza, saúde e calidade de vida, e que contribúen a promover hábitos saudables e a poñer en valor o patrimonio natural e cultural da provincia”, subliñou.

O deputado de Representación Institucional puxo tamén en valor o traballo realizado pola Deputación para impulsar un modelo de sendeiros de interior vinculados ao termalismo, unha proposta innovadora dentro do programa Senderos Azules, tradicionalmente asociado a contornas costeiras.

“Ourense demostra que o interior tamén pode liderar políticas ambientais e de benestar, convertendo os seus recursos naturais en oportunidades para o turismo sostible, o desenvolvemento territorial e o envellecemento activo da poboación”, afirmou.

A incorporación destes cinco itinerarios sitúa a Ourense con forza dentro da rede estatal de Senderos Azules, que supera xa os 1.200 quilómetros de percorridos certificados en 24 provincias, e supón un salto significativo para a provincia, que pasa a ocupar o noveno lugar no conxunto do Estado en número de sendeiros recoñecidos.

No acto de entrega destacouse que estes recoñecementos avalían criterios de excelencia técnica e ambiental, como o deseño dos percorridos, a seguridade, a sinalización, a conservación do patrimonio e a xestión activa dos valores naturais e culturais, reforzando así o compromiso da institución provincial coa sostibilidade, o benestar e a posta en valor do territorio.

Publicacións Relacionadas