HomeDeputaciónsDeputación OurenseA Deputación de Ourense recoñece o papel das mulleres que constrúen provincia...

A Deputación de Ourense recoñece o papel das mulleres que constrúen provincia coa entrega dos diplomas do programa “8M, mes a mes”

- Anuncio -spot_img

Luis Menor destaca que “apostar pola igualdade é apostar polo futuro do territorio e polo dinamismo do noso rural”

O acto puxo en valor a andaina do último ano do programa posto en marcha pola Área de Igualdade, con Teresa Barge á fronte, no que se visibilizou a referentes femininos vinculados ao emprendemento, o coidado, a cultura, a educación, o xornalismo e a defensa do territorio

A Deputación de Ourense celebrou hoxe o acto de entrega dos diplomas do programa “8M, mes a mes”, unha iniciativa impulsada pola Área de Igualdade e que recoñece, ao longo de todo o ano, o labor de mulleres e colectivos femininos que contribúen ao desenvolvemento social, económico e humano da provincia, tal e como explicou a deputada de Igualdade, Teresa Barge.

O presidente provincial, Luis Menor, salientou durante a súa intervención que a institución provincial “non só se suma á reivindicación global do 8 de marzo, senón que pon en valor unha realidade que forma parte da identidade de Ourense: unha provincia construída tamén grazas ao talento, ao esforzo e ao compromiso das mulleres”.

Menor subliñou que o obxectivo do programa, posto en marcha en abril de 2024 pola Área de Igualdade dirixida pola deputada Teresa Barge, foi converter a igualdade nun compromiso permanente:

“A igualdade non pode limitarse a unha efeméride. Ten que ser unha política constante, presente durante todo o ano e en todas as accións públicas”, dixo o presidente da Deputación.

Un ano visibilizando a igualdade real

A través do programa “8M, mes a mes”, a Deputación foi recoñecendo diferentes exemplos de liderado feminino e compromiso social en distintos ámbitos da provincia.

Entre as iniciativas distinguidas figuran as Supermulleres de Boborás, exemplo de sororidade e solidariedade comunitaria; a escritora Inma Soto, pola promoción da lingua e do empoderamento desde o rural; ou as Mulleres Rurais de Arnuide, referentes do asociacionismo local.

Tamén recibiron recoñecemento ASPADISI, representada por Josefa Rodríguez, polo seu traballo a favor da inclusión; as auxiliares do Servizo de Axuda no Fogar da Bola, polo seu labor esencial no coidado das persoas maiores; así como Noelia Conde e as mulleres dos servizos de extinción, destacadas polo seu compromiso na defensa do territorio durante os incendios forestais.

O programa puxo igualmente en valor o traballo da asociación FEMURO, o talento cultural da pianista María del Mar Blanco, o labor das pastoras representadas por Elvira Pérez, e referentes como a modista Julia Feijóo ou a comunicadora Montse Estévez.

Igualdade, progreso e territorio vivo

Durante o acto, Luis Menor incidiu en que apoiar ás mulleres do rural significa fortalecer o futuro da provincia: “Onde hai igualdade hai progreso, oportunidades e territorio vivo”, proclamou.

O presidente provincial destacou ademais que estas distincións recoñecen historias que moitas veces nacen lonxe dos focos pero que resultan fundamentais para manter activas as vilas e aldeas ourensás.

Coa entrega destes diplomas, a Deputación pecha un novo ciclo do programa reafirmando o seu compromiso de continuar impulsando políticas públicas que favorezan a igualdade real e a visibilización do talento feminino en toda a provincia.

Publicacións Relacionadas