HomeDeputaciónsDeputación OurenseA Deputación de Ourense reforza a dinamización cultural da provincia a través...

A Deputación de Ourense reforza a dinamización cultural da provincia a través da Rede Provincial de Auditorios e Espazos Culturais

- Anuncio -spot_img

No ano 2025, a Deputación de Ourense destinou á REAOU un orzamento de 150.000 euros, aos que se sumaron as achegas dos concellos participantes, cunha porcentaxe de cofinanciamento que oscilou entre o 25 % e o 60 % en función do caché dos artistas e da súa procedencia. A achega media da institución provincial situouse en arredor de 3.000 euros por concello

A Deputación Provincial de Ourense celebrou este martes a reunión de seguimento da Rede Provincial de Auditorios e Espazos Culturais (REAOU), un programa consolidado que se vén desenvolvendo desde o ano 2017 co obxectivo de vertebrar e dinamizar a oferta cultural en toda a provincia mediante a cooperación cos concellos.

Durante o encontro, celebrado no Centro Cultural Marcos Valcárcel e liderado polo deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, e polo director da Área de Cultura, Marcos Vázquez, realizouse unha análise e valoración das actuacións desenvolvidas ao longo do ano 2025, así como da programación coordinada de actividades a nivel provincial, e abordouse a posibilidade de prorrogar o programa de cooperación para o vindeiro exercicio.

Precisamente Rosendo Fernández explicou que “a REAOU constitúe unha ferramenta clave para garantir o acceso á cultura en igualdade de condicións en todo o territorio, especialmente no rural, ao tempo que fomenta a colaboración institucional e o desenvolvemento cultural da provincia de Ourense”. Pola súa banda, Marcos Vázquez desgranou o balance anual desta rede, calificándoo como “extraordinariamente positivo para a dinamización cultural da provincia”.

No ano 2025, a Deputación de Ourense destinou á REAOU un orzamento de 150.000 euros, aos que se sumaron as achegas dos concellos participantes, cunha porcentaxe de cofinanciamento que oscilou entre o 25 % e o 60 % en función do caché dos artistas e da súa procedencia. A achega media da institución provincial situouse en arredor de 3.000 euros por concello.

Na actualidade, a Rede está integrada por 56 concellos da provincia, tras un incremento de 16 novas incorporacións nos últimos catro anos, o que reflicte a consolidación deste modelo de cooperación cultural. Durante o último exercicio desenvolvéronse máis de 110 actuacións nos distintos espazos adheridos á Rede, cunha asistencia global que superou os 7.500 espectadores, cunha media aproximada de 65 asistentes por espectáculo.

Entre as propostas máis demandadas polos concellos destacaron iniciativas como Cine na rúa, así como actuacións musicais e teatrais de grupos e compañías galegas de recoñecido prestixio, contribuíndo á promoción da cultura de proximidade e ao apoio ao sector cultural.

Tal e como quedou de manifesto na reunión de seguimento, a Deputación de Ourense encárgase tamén do deseño e elaboración dos materiais promocionais das actuacións, facilitando aos concellos cartaces en formato dixital e, previa solicitude, en papel, ademais da difusión a través das redes sociais da REAOU en plataformas como X, Instagram e Facebook, reforzando así o alcance da programación cultural.

Publicacións Relacionadas