O presidente provincial, Luis Menor, mantivo unha reunión de traballo coa directiva desta entidade para analizar as actuacións realizadas ao longo deste ano e comprometeuse a colaborar, no vindeiro ano, con esta iniciativa que contribúe “á mellora da atención á nosa veciñanza máis moza e as súas familias”
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo unha reunión de traballo co presidente e coa nova coordinadora de Cruz Vermella Ourense, Felipe Ferreiro e Esther Lorenzo Outón, respectivamente, para repasar todas as actuacións realizadas ao longo do último ano coa colaboración da institución provincial.
Para o vindeiro ano, o presidente da Deputación comprometeuse a colaborar co programa de “Apoio á infancia” que desenvolve Cruz Vermella Ourense para prestar axuda escolar e fomentar hábitos de alimentación saudable entre o alumnado da provincia, fundamentalmente, nos concellos máis pequenos de Ourense. “Unha iniciativa que contribúe ao desenvolvemento social e á mellora da atención a nosa veciñanza máis moza e as súas familias”, dixo Luis Menor.
Neste sentido, o presidente provincial lembrou que a colaboración da Deputación con esta entidade é “histórica”, xa que Cruz Vermella xurdiu precisamente nesta institución a finais do século XIX. Unha colaboración que se mantivo “viva” ao longo dos anos e que incluso se viu “intensificada” anualmente co apoio económico aos seus gastos de funcionamento, pero tamén para cuestións máis específicas como é foi adquisición dunha nova ambulancia, explicou o presidente da Deputación.
Por outra banda, Luis Menor deulle a benvida a recentemente nomeada coordinadora desta entidade que atesoura unha importante experiencia no ámbito social incluso a nivel internacional, “o que repercutirá moi positivamente na asociación, pero tamén na provincia”, salientou o presidente da Deputación.



