O deputado de Fondos Europeos, Javier Tourís, e o deputado ourensán de Medio Ambiente e Enerxía, José María Lago Cabo, reuníronse para establecer o marco de colaboración entre ambas entidades para unha maior captación conxunta de fondos da Unión Europea
O deputado de Fondos Europeos da Deputación de Pontevedra, Javier Tourís, mantivo unha reunión co deputado ourensán de Medio Ambiente e Enerxía, José María Lago Cabo, para explorar novas vías de colaboración e impulsar novos proxectos para presentar ás diferentes convocatorias de fondos europeos.
Durante o encontro ambos deputados acordaron presentar á 6ª convocatoria do Programa de Cooperación Interreg VI A España – Portugal (POCTEP) 2021 – 2027 un proxecto relacionado coa eficiencia enerxética e as enerxías renovables, ámbito no que as dúas institucións provinciais teñen posto o foco. Javier Tourís recordou que tanto a Deputación de Pontevedra como a de Ourense están envorcadas en facilitar aos concellos de ambas provincias ferramentas e servizos que redunden nun aforro significativo dos consumos eléctricos das corporacións municipais e na redución de emisións de CO2 á atmosfera.
Ademais, no transcurso da reunión manifestouse o interese das dúas institucións provinciais de ampliar colaboración na captación de recursos económicos da Unión Europea a outros ámbitos comúns e manter futuras reunións de traballo para materializar novos proxectos.