Home Deputacións Deputación Pontevedra A Deputación de Pontevedra "enche de Igualdade e Cultura" a recta final...

A Deputación de Pontevedra “enche de Igualdade e Cultura” a recta final de marzo

- Anuncio -

Carmela Silva: “Ímonos gabar de ser a provincia da igualdade, da cultura e do espazo público”

Entre o 21 e o 27 de marzo celebraranse os días da Poesía e do Teatro mailo espectáculo “Oh, rosas vivas!”, e presentaranse o programa “Precursoras da sustentabilidade” e o libro “Ti non sabes o que é ser escritora” escrito polas asinantes do Manifesto de Soutomaior

“Ímonos gabar de ser a provincia da cultura, da igualdade e do espazo público”, subliñou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, na presentación da ampla programación que ten prevista a administración provincial para “encher de Igualdade e Cultura” a recta final de marzo. Entre o 21 e o 27 de marzo a institución celebrará efemérides culturais sinaladas como o Día Internacional da Poesía (21 de marzo) mailo Día Mundial do Teatro (27 de marzo), así como outras accións enmarcadas na programación do 8M que a Deputación espalla durante os 365 días do ano: a presentación do libro “Ti non sabes o que é ser escritora” (21 de marzo), o tiro de saída do programa “Precursoras de sustentabilidade” (22 de marzo), e o espectáculo “Oh Rosas Vivas!” (24 de marzo).

As actividades arrancan o próximo martes 21 de marzo coa celebración do Día da Poesía. O acto celebrarase ás 12:30 horas na sede de Vigo baixo o lema “Poesía cos pés na terra!”, e será unha celebración da poesía desde o punto de vista da accesibilidade e a inclusión que contará coa colaboración da Asociación de Familias con Parálise Cerebral (APAMP). “A inclusión na cultura é fundamental”, valorou a presidenta. A acción consistirá nunha lectura compartida e horizontal a cargo, por unha banda, de tres voces novas da poesía galega, o Premio Nacional Ismael Ramos, Andrea Valle e Ana Fontenla, e pola outra, cinco autores e autoras de poesía con discapacidade e usuarias de APAMP alzarán as súas voces para compartir versos da súa autoría: Pilar Álvarez Torrent, José Varela Lago, Fátima Domínguez, Sergio González e Álvaro Villa. A elas e eles sumaráselles a música e a ilustración, a cargo do guitarrista cego Pablo Galiñanes e da ilustradora Nana, que realizará en directo unha peza sobre poesía inclusiva, con palabras dos poemas recitados, nun lenzo de gran formato. O acto contará con intérprete en lingua de signos grazas á Organización de Diversidade Sensorial de Galicia (XOGA).

Ese mesmo día ás 19:00 horas o Salón de Plenos da Deputación acollerá a presentación do libro “Ti non sabes o que é ser escritora” editado pola institución provincial no marco das accións postas en marcha ao abeiro do Manifesto de Soutomaior. Trátase dun volume de 126 páxinas que recolle 10 textos literarios inéditos escritos por asinantes do Manifesto como Isabel Blanco, Silvia Cernadas, Mercedes Corbillón, Ledicia Costas, Inma López Silva, Silvia Penas, Arantza Portabales, Anna R. Figueiredo, Elvira Ribeiro e Rexina Vega, acompañados de ilustracións realizadas por profesionais aliadas como Luz Beloso, Celeste Garrido, Andrea Jano, María Lapido, Lara Lars, Andrea López, Blanca Millán, Gloria Pavía, Alba Troiteiro e Sofía Venzel. “As máis grandes escritoras e as máis grandes ilustradoras galegas”, asegurou Carmela Silva, que tamén puxo en valor que “de xeito simbólico o libro rematouse de imprimir o 8 de marzo de 2023, día no que se cumpriron ademais 16 meses da sinatura do Manifesto”. Os textos e ilustracións destas autoras tratan temas como o matrimonio forzoso, os asasinatos machistas, as violacións, a adolescencia nunha contorna de masculinidade hostil, o bullying, o ciber-bullying, o acoso, o perigoso aumento do machismo entre as novas xeracións, e fóra do terreo da ficción hai unha investigación sobre as violencias que sufriron as galegas na Idade Media.

As actividades continúan o seguinte día, mércores 22 de marzo, coa presentación do programa “Precursoras da sustentabilidade” no Pazo provincial ás 11:30 horas. Este proxecto “nace da necesidade de escribir a metade da historia, dando a coñecer as preocupacións das mulleres pola situación de emerxencia planetaria”, sinalou a presidenta da Deputación. Con ‘Precursoras da sustentabilidade’ recuperarase a memoria de 40 mulleres de todo o mundo (do pasado e do presente) que contribuíron cos seus coñecementos científicos e co seu activismo á sostibilidade do planeta. No marco do programa elaborarase un libro coas biografías das 40 mulleres e un videoxogo que gamificará a información das biografías a través dun xogo a modo de crebacabezas con diferentes niveis para chegar á xente moza.

O venres 24 de marzo ás 20:00 horas, a Deputación acollerá o espectáculo “Oh, Rosas Vivas!”, unha iniciativa escénico-musical para redescubrir a pegada feminina na historia da música. Dirixida pola violinista María José Pámpano, esta proposta será unha apaixonante viaxe narrada polas vidas de mulleres como Francesca Caccini, Isabella Leonarda, Maria Bianca Meda, Bárbara Strozzi, Antonia Bembo ou Élisabeth Jacquet de La Guerre, compositoras dos séculos XVII e XVIII pioneiras na profesionalización da muller no eido musical, pero “silenciadas e esquecidas polo paso do tempo”, lamentou Carmela Silva. No espectáculo interveñen o grupo de música antiga Gallaecia Ensemble Barroco, o muralista Yoseba Murazábal, a poeta María Lado e a creadora visual Laura Iturralde.

Por último, a Deputación súmase un ano máis á celebración do Día Mundial do Teatro o vindeiro 27 de marzo con dúas actividades en Pontevedra e Vigo vertebradas arredor da idea do teatro como unha viaxe de fantasía. Este ano a Deputación propón un punto de encontro entre a infancia e o teatro, un espazo vivo e próximo onde viaxar e compartir experiencias, recordos e vivencias.

As accións adiántanse en Vigo cun acto o venres 24 de marzo ás 12:00 horas que comezará coa presentación do libro “Alma e Corazón, unha aventura multicolor”, escrito por Ledicia Costas e ilustrado por Blanca Millán. O conto é o premio que recibe Iria Portabales, alumna do CEIP Virxe do Rocío de Vigo, como gañadora do concurso infantil “Búscase a Talento” promovido pola Deputación no marco da súa campaña de xoguetes non sexistas e non violentos lanzada no Nadal de 2021. A historia ten como protagonista a personaxe que creou a alumna, que lle valeu o máximo galardón do concurso. Trala presentación, a contacontos Vero Rilo acompañada do acordeonista Santi Cribeiro ofrecerá o espectáculo ‘Asdomare’ no que conta as historias das mulleres do mar e do mar das mulleres.

A celebración do Día do Teatro en Pontevedra será o propio 27 de marzo ás 17:30 horas cunha dobre proposta. Arrancará cun “espectáculo fermoso de cor que encherá de teatro as rúas”, sinalou a presidenta: o espectáculo familiar de animación na rúa ‘A Danza dos paxaros’ a cargo de Can Cun Quinqué, con saída na praza da Ferrería e fin no exterior do Pazo provincial. As e os bailaríns da compañía percorrerán as rúas da cidade interpretando a grandes e vistosos paxaros cabezudos dirixidos por un ornitólogo. Á chegada ao Pazo provincial, celebrarase a función ‘O vendedor de fume’ da man da compañía Teatro Ghazafelhos para público familiar e infantil e partir de 4 anos. Para asistir cómpre confirmar asistencia no correo electrónico participa.cultura@depo.gal. Celebrarase no exterior do Pazo e, no caso de choiva, no Salón de Plenos.

Relacionadas

A provincia de Ourense promociónase en BioCultura

0
A Deputación de Ourense, a través do Inorde co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, está a participar nesta feira cun stand no...

Luis Menor e a alcaldesa de Riós analizan as necesidades do municipio e as...

0
Dentro da rolda de contactos que continúa a manter o presidente provincial cos alcaldes de toda a provincia, Luis Menor mantivo unha reunión coa...

A Deputación de Ourense levará a cabo un proxecto para modernizar o padrón municipal...

0
A vicepresidenta primeira do goberno provincial, Marta Nóvoa explicou hoxe aos rexedores dos concellos da provincia, os detalles deste proxecto que se presentará á...

Luis Menor preside a Rede de Vilas Termais da Federación Española de Municipios e...

0
O presidente provincial agradeceu a confianza e salientou que este acordo “supón o recoñecemento ao liderado e traballo que desenvolve a Deputación e a...

Luis López afirma que as axudas de ata 5.000 euros do programa +Xuventude serán...

0
O dirixente provincial coñeceu o proxecto Uvigo-SpaceLab, que impulsan estudantes da Escola de Enxeñería de Telecomunicacións e que conta co recoñecemento internacional O presidente da...

Covelo vístese de verde para visibilizar as enfermidades raras

0
Na noite do 28 para o 29 de febreiro a fachada do edificio do Concello iluminouse de verde para visibilizar este tipo de doenzas Con...

Publicacións Relacionadas