O deputado Javier Tourís está a participar en Lanzarote nos Knowledge Days onde está a avanzar no posicionamento internacional da provincia de Pontevedra
A Deputación de Pontevedra incorporarase a NECSTouR, a principal rede europea de rexións polo turismo sostible e competitivo, na busca de impulsar un modelo turístico sostible e diferenciado. No marco desta rede, o deputado provincial Javier Tourís está asistindo aos Knowledge Days organizados na illa de Lanzarote. Trátase dun encontro internacional que reúne rexións europeas, organismos internacionais, academia e profesionais do sector para debater sobre os desafíos actuais do turismo e avanzar en novas solucións que permitan construír destinos máis preparados e sostibles.
Tourís subliñou a importancia estratéxica de incorporarse a NECSTouR tanto para a Deputación de Pontevedra como para os concellos da provincia e axentes do ecosistema turístico provincial. Neste eido, o deputado informou que mantivo unha reunión coa executiva europea da rede, na que tamén participou o representante de Turismo de Galicia, Iván Menéndez, e a directora de Proxectos Europeos da Deputación, Susana Fernández, co obxectivo de explorar novas liñas de colaboración, analizar posibilidades de participación conxunta en proxectos europeos e avanzar no proceso de incorporación formal do organismo provincial a NECSTouR.
“A colaboración interinstitucional entre a Deputación e a Xunta de Galicia é fundamental para o desenvolvemento de distintas iniciativas que se poidan desenvolver ao longo da provincia”, subliñou Javier Tourís quen fixo fincapé na importancia de impulsar a visibilidade da marca Rías Baixas a nivel internacional, de dotar as pemes do sector turístico de ferramentas para mellorar o seu posicionamento e de traballar en distintas liñas de financiación europea con socios nacionais e internacionais.
A incorporación da Deputación a NECSTour supón un paso clave para reforzar un modelo turístico innovador, sostible e centrado nas persoas. Grazas a iso, a provincia de Pontevedra poderá acceder ás principais innovacións e tendencias europeas en transición verde, economía circular, dixitalización e destinos intelixentes, ou tamén participar en proxectos europeos colaborativos, ampliando oportunidades de financiamento en programas como Horizon Europe, Single Market ou Europa Dixital. Ademais, permitiralle cooperar con máis de 40 rexións europeas, favorecendo o intercambio de coñecemento e boas prácticas, así como reforzar o posicionamento internacional da marca Rías Baixas como destino comprometido co turismo responsable.
A Deputación de Pontevedra terá unha posición máis activa dentro das dinámicas europeas de planificación turística, para así poder fortalecer o modelo que define a Estratexia Turismo Rías Baixas 61 (2024–2030), orientado á sostibilidade, a calidade e o benestar da cidadanía e do territorio. Esta decisión consolida o compromiso da Deputación cun turismo que protexe o patrimonio, mellora a calidade de vida e impulsa unha economía sostible, contribuíndo a que Pontevedra avance como un destino mellor para vivir e mellor para visitar.
A participación nos Knowledge Days de NECSTouR en Lanzarote é o primeiro paso neste proceso de incorporación, ademais de ser tamén unha oportunidade para iniciar a colaboración directa coa rede e situar a provincia no mapa europeo do turismo sostible. O programa inclúe sesións centradas na adaptación ao cambio climático, na medición da pegada de carbono, na xestión turística baseada en datos e nos modelos de gobernanza avanzada aplicados a destinos de distinta tipoloxía. Estas sesións permitirán coñecer enfoques innovadores que outras rexións europeas están a implementar para afrontar retos compartidos.



