A deputada de Igualdade, Paula Bouzós, remarcou que este incremento “responde á nosa vontade de avanzar cara a igualdade desde a unidade do conxunto da sociedade, tendendo pontes e evitando a confrontación”
Desde o ano 2023 e co orzamento aprobado para o vindeiro ano serán preto de 6 millóns de euros os recursos dirixidos polo goberno provincial ao fomento da igualdade
A Deputación de Pontevedra incrementa nun 7% os recursos destinados á igualdade, que ascenden no 2026 a 1,8 millóns de euros. A deputada delegada do servizo de Igualdade, Paula Bouzós, remarcou que este incremento “responde á nosa vontade de avanzar cara a igualdade desde a unidade do conxunto da sociedade, tendendo pontes e evitando a confrontación”.
Bouzós salientou que se destinarán 50.000 € ao programa de formación das mulleres +Xuntas, que pasa dos 625.000 euros do 2025 aos 675.000 € cos que se dotará a esta iniciativa no 2026. Tamén medran os recursos dirixidos ao curso de igualdade organizado pola UNED, que suma 10.000 € máis e ascende dos 5.000 € do 2025 aos 15.000 € do 2026. E, entre outras moitas iniciativas impulsadas polo servizo de Igualdade, destinaranse 260.000 € á liña de subvencións dirixidas a concellos para o fomento da igualdade de oportunidades e para a prevención da violencia de xénero, ou 40.000 euros á Cátedra de Feminismos da Universidade de Vigo.
Desde o ano 2023 e co orzamento aprobado para o vindeiro ano, a deputada provincial subliñou que serán preto de 6 millóns de euros os recursos dirixidos polo goberno da Deputación de Pontevedra ao fomento da igualdade. Neste eido, recordou que con esta suma de fondos públicos impulsáronse axudas para que os concellos e as entidades puidesen impulsar programas destinados a conseguir a igualdade entre mulleres e homes e a loitar contra a violencia de xénero, para accións formativas dirixidas a mulleres como o programa +Xuntas, a impulsar proxectos de investigación en universidades relacionados coa igualdade, a premios para promover a igualdade e a lanzar iniciativas novidosas como o Ateneo Provincial pola Igualdade, Mulleres de palabra(s) ou os Premios E ti, que pensas da igualdade? e os de Boas Prácticas en Igualdade.



