O servizo de Xuventude e Reto Demográfico, liderado polo deputado provincial Jorge Cubela, foi posto en marcha no 2024 polo goberno de Luis López no marco da súa aposta decidida pola mocidade da provincia e da loita contra o despoboamento
Desde a creación do servizo no 2024 e co orzamento aprobado para o vindeiro ano serán máis de 4 millóns de euros os recursos dirixidos polo goberno provincial ás áreas de Xuventude e Reto Demográfico
A Deputación de Pontevedra incrementa nun 14% os recursos destinados a Xuventude e Reto Demográfico, que ascenden no 2026 a máis de 1,4 millóns de euros. O servizo de Xuventude e Reto Demográfico, liderado polo deputado provincial Jorge Cubela, foi posto en marcha no 2024 polo goberno de Luis López no marco da súa aposta decidida pola mocidade da provincia e da loita contra o despoboamento.
“Se había un sector da poboación abandonado ata que comezamos a gobernar nós na Deputación esa era a xuventude”, subliñou o deputado Jorge Cubela quen recordou que, desde a posta en marcha deste servizo no ano 2024 e co orzamento aprobado para o vindeiro 2026, que acende aos 1,4 millóns de euros, serán máis de 4 millóns de euros os recursos dirixidos polo goberno provincial ás áreas de Xuventude e Reto Demográfico.
Con estes recursos o goberno provincial avanzará no cumprimento das liñas mestras do I Plan Estratéxico Provincial de Xuventude que acaba de ser aprobado no Pleno celebrado en outubro e noutros exitosos programas como os Campamentos da Lanzada, o Plan +Xuventude, Vive o Rural, a liña de axudas O Teu Espazo Xuvenil, Pontevedra Literaria ou os Premios de xuventude, así como +Reto Dixital, para fomentar a capacitación dixital das persoas maiores de 50 anos dos concellos de reto demográfico. Do mesmo xeito, tal e como explicou o deputado, lanzaranse novas iniciativas como o recentemente presentado En Plan ben ou obradoiros de formación para mozas e mozos, co obxectivo de avanzar en políticas públicas que poñan o foco na mellora da calidade de vida da xuventude da provincia de Pontevedra.



