HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación de Pontevedra recoñece o labor da activista Bea Salazar na...

A Deputación de Pontevedra recoñece o labor da activista Bea Salazar na súa loita polos dereitos das mulleres no Salvador

- Anuncio -spot_img

Carmela Silva: “A túa valentía de vida, a túa traxectoria, é un exemplo do valentes que nos obriga o mundo a ser ás mulleres”

Para Bea Salazar o recoñecemento que a Deputación e a Coordinadora Galega de ONGD fan das defensoras de dereitos “danos forza para seguir adiante porque sabemos que non estamos solas”

A Deputación de Pontevedra puxo en valor o traballo de Bea Salazar a prol dos dereitos das mulleres nun encontro entre a activista salvadoreña e a presidenta, Carmela Silva, que tivo lugar no Pazo Provincial. A xuntanza realizouse no marco da súa visita á provincia da man da Deputación e a Coordinadora Galega de ONGD a través de “Defensoras de Dereitos”. A visita artéllase entorno á igualdade e o feminismo dende unha perspectiva global co fin de visibilizar o imprescindible liderado que exercen as mulleres como Bea Salazar nos países onde traballan as ONGD. Durante o encontro ambas referíronse á situación que viven as mulleres no Salvador e intercambiaron agasallos. A presidenta obsequiou a Bea Salazar cunha Menina de Sargadelos “que representa o papel das mulleres e nos pon no centro, ocupando o que nos corresponde” así como unha bolsa con material de distintas iniciativas provinciais en materia de igualdade. Pola súa banda, a activista entregou a Carmela Silva un pano verde que honra a Beatriz, unha de tantas mulleres que padeceron as represalias do estado salvadoreño. Ao encontro asistiron tamén a deputada de Igualdade, Victoria Alonso, e en representación da Coordinadora Carolina Lodeiro, Sara García e María Paz.

Carmela Silva fixo visible dende un primeiro momento a súa admiración por Bea Salazar, “a túa valentía de vida, a túa traxectoria, é un exemplo do valentes que nos obriga o mundo a ser ás mulleres”. “Escoitarte -díxolle- impacta e é un golpe de conciencia para que redobremos o apoio á cooperación, moi particularmente ás mulleres e defensoras de dereitos”. A presidenta provincial tamén se referiu á colección de libros que se editan no marco da iniciativa “Defensoras de Dereitos” e dos que Bea Salazar protagoniza un dos volumes. “Merecería ter moita máis repercusión da que somos capaces de darlle” xa que como explicou Carmela Silva nestes libros ponse en valor “a historia de grandes mulleres que transforman o mundo”. Son mulleres como Bea Salazar que “fai un enorme traballo de recollida de información da realidade que sofren as mulleres no Salvador, un país -como lembrou Carmela Silva- cunha das lexislacións máis intolerable sobre o dereito ao aborto das mulleres e onde os datos de violencia machista e feminicidios son tremendos”.

Durante a súa recepción Bea Salazar agradeceu en varias ocasións o recoñecemento que se está a facer dende a Deputación e a Coordinadora ao traballo das defensoras de dereitos: “danos forza para seguir adiante porque sabemos que non estamos solas”. E aludiu ás historias que se narran nos libros da colección e que permiten “que a loita non se quede aquí e continúe a pesar dos riscos, criminalización e persecución por parte do Estado salvadoreño o cal -continuou- condena a mulleres por abortos espontáneos ou complicacións obstétricas incluso con condenas de 30 a 40 anos de cárcere”. Incidiu na creación de redes de defensoras e espazos de atención aos que hai que “coidar, protexer e saber empregar” xa que as defensoras de dereitos “vivimos nun réxime de excepción que busca silenciar todo o que as organizacións feministas e o movemento de mulleres fai pola defensa dos dereitos”. Bea Salazar tamén se referiu á importancia da educación sexual integral xa que sen ela, recalcou, “imos a seguir coas mesmas situacións de violencia, de abusos cara as nenas e mulleres e coa súa persecución”.

Para María Paz o programa “Defensoras de Dereitos” “permítenos amosar ao mundo a mulleres como Bea Salazar, unha gran defensora dos dereitos humanos” que con esta visita á provincia de Pontevedra “vainos a permitir aproximarnos á realidade” das situacións que se viven no Salvador. Tamén se referiu ao “compromiso da Deputación coa posta en valor, o compromiso, o recoñecemento coa visibilización e protección das mulleres defensoras dos dereitos humanos así como -engadiu- coa cooperación internacional, como manifesta coa convocatoria de subvencións a este tipo de proxectos”.

Espallar a defensa da igualdade por toda a provincia
Nos dez días que dura a visita de Bea Salazar á provincia de Pontevedra a activista está a espallar a defensa da igualdade mediante diferentes accións, organizadas pola Deputación e a Coordinadora. Trátase de obradoiros no IES Illa de Ons (Bueu), IES Castro Alobre (Vilagarcía) e no IES Valadares (Vigo) e así como dous talleres con alumnado da Universidade de Vigo. Así mesmo, a súa visita comprende dúas charlas en bibliotecas de Bueu e Pontevedra sobre o libro “Bea, á procura da luz” que enmarcado na colección Defensoras de Dereitos trata sobre a súa traxectoria. Na súa axenda tamén hai oco para un encontro con asociacións feministas de Vigo e para unha xornada de traballo para a posta en marcha do “Programa Galego de Apoio a Defensoras de Dereitos Humanos e Activistas”, en Pontevedra. Ademais, será recibida polos alcaldes de Vigo, Vilagarcía e Bueu como exemplo de que “o mundo local se compromete coa cooperación, a igualdade e a visibilidade do que están a aportar as mulleres a ruptura co sistema patriarcal”, asegurou Carmela Silva.

Publicacións Relacionadas