O deputado provincial Javier Tourís asistiu este xoves ao acto de recepción das obras, que recibiron máis de 60.000 € a través do Plan +Provincia
A Deputación de Pontevedra investiu preto de 3 millóns de euros na mellora do pavillón e das instalacións deportivas de Fontecarmoa baixo o goberno de Luis López
O deputado provincial Javier Tourís asistiu este xoves en Vilagarcía de Arousa ao acto de recepción das obras de mellora do firme que se acometeron na rúa Fontecarmoa e dous tramos das travesías Rosalía de Castro, no Carril. Para a súa execución, o organismo provincial aprobou unha achega de 61.000 € con cargo á liña de investimentos do Plan +Provincia, que permitiu financiar a actuación enmarcada no plan municipal vilagarcián de asfaltados practicamente de xeito íntegro.
O deputado provincial deu conta dos traballos que se realizaron con estes recursos, que permitiron ao Concello de Vilagarcía de Arousa mellorar a capa de rodadura dun treito de 600 metros da rúa Fontecarmoa e doutros dous tramos das travesías Rosalía de Castro (O Carril), realizando un fresado previo nas zonas nas que non se pode elevar a rasante da vía. A actuación contemplou a limpeza e rozadura do camiño, o barrido por medios mecánicos, a execución da nova capa de rodadura e o recalce das tapas de rexistro a rasante da vía. Concretamente na rúa Fontecarmoa, ademais, as obras completáronse coa execución de dous redutores da velocidade e a reposición da sinalización horizontal e vertical, así como das marcas viarias.
Javier Tourís lembrou que en 2025 Vilagarcía de Arousa recibiu 1,5 millóns de euros a través do Plan +Provincia da Deputación. O deputado puxo en valor este programa, “o plan estrela do municipalismo que dota os concellos de recursos para que poidan poñer en marcha os seus proxectos con total autonomía, e que sumado aos recursos dos plans extraordinarios de investimento supoñen un antes e un despois con cifras nunca antes vistas”.
Preto de 3 millóns para o pavillón e as instalacións deportivas de Fontecarmoa
Estas obras forman parte dos preto de 3 millóns de euros que o goberno de Luis López investiu ata o momento en Fontecarmoa, especialmente para a mellora do pavillón e das instalacións deportivas situadas na zona. En concreto, destináronse xa 2,1 millóns de euros para a ampliación das piscinas, preto de 425.400 euros para o acondicionamento do interior do pavillón e máis de 164.000 euros para a reforma da pista de atletismo. Ademais, tamén se aprobaron preto de 96.000 euros para o saneamento do camiño da Regueira que conduce a Fontecarmoa, outros preto de 60.000 euros para a instalación de dúas pantallas LED e preto de 8.000 € para instalar butacas no pavillón.



