Luis López anunciou que as obras na EP-7001, que afectan unicamente o termo municipal da Estrada, inclúen tamén melloras na drenaxe e na sinalización da vía
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres o proxecto de execución das obras de reposición do firme nun tramo de preto de 12 quilómetros da EP-7001, a estrada provincial que une A Estrada e Forcarei, cun orzamento dun millón de euros. O presidente provincial, Luis López, informou de que estas obras, que se sitúan no termo municipal da Estrada, dotarana dunha nova capa de rodadura, melloras na drenaxe e renovación de toda a sinalización no tramo afectado.
As obras proxectadas na EP-7001 afectan algo máis da metade da lonxitude total da vía, co obxectivo de mantela nas mellores condicións tanto de comodidade como de seguridade para os vehículos que circulan por ela. Retirarase e sanearase o firme actual e executarase o novo firme cunha capa de rodadura final constituída por unha mestura bituminosa en quente, e a aplicación de microaglomerado en frío nalgunhas zonas, para reforzar e protexer o pavimento. En canto á drenaxe, instalaranse tubaxes específicas para favorecer a evacuación da auga e protexer a estrutura do novo firme, e tamén se procederá a renovar a sinalización. O prazo de execución previsto é de catro meses.
Preto de 3,7 millóns de euros para as estradas provinciais na Xunta de Goberno
As obras na EP-7001 forman parte dun paquete de medidas aprobadas este venres na Xunta de Goberno por un valor total de preto de 3,7 millóns de euros, xunto con outros proxectos relacionados con estradas provinciais situadas en Portas e Vilanova de Arousa. “Con estas tres obras”, sinalou Luis López, “seguimos consolidando o noso firme compromiso coa modernización das estradas provinciais, como vimos xa demostrando nestes dous anos e medio e como seguiremos demostrando o próximo ano”.
O presidente da Deputación asegurou que “as estradas provinciais son indispensables para a vertebración do territorio pontevedrés, e deben estar nas mellores condicións”. Por iso, detallou, “de cara a 2026 recibirán máis de 38 millóns de euros, unha cifra que supón un aumento dun 56% respecto ao que recibiron este ano”. Con estes recursos “serán xa 110 millóns investidos nas estradas provinciais neste mandato, pero todo o que poidamos investir na súa posta a punto será pouco”, informou Luis López.



