HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación deseña un novo percorrido no Museo de Pontevedra que relaciona...

A Deputación deseña un novo percorrido no Museo de Pontevedra que relaciona as obras da exposición permanente co tema da última bienal

- Anuncio -spot_img

O folleto ‘Volver a ser humanos: arte, guerra e esperanza’ propón afondar nesta temática a través de 12 obras expostas nos edificios Castelao e Sarmiento

A Deputación acaba de incorporar unha nova guía temática en papel para as persoas que visitan o Museo de Pontevedra por libre. Trátase do folleto ‘Volver a ser humanos: arte, guerra e esperanza’, que propón un percorrido pola exposición permanente no que, a través de 12 obras expostas nos edificios Castelao e Sarmiento, as e os visitantes se poden aproximar á temática da 32ª. Bienal de Pontevedra, centrada na guerra e a súa superación a través da empatía.

A bienal recuperouse este pasado verán co título “Volver a ser humanos. Ante a dor dos demais”. Máis de sesenta artistas internacionais aproximáronse ás guerras non só como combates bélicos, senón como crises que destrúen o tecido social, emocional e económico das sociedades. A exposición propoñía que, para superar estes conflitos, debemos “volver a ser humanos”, recuperar a nosa capacidade de reflexión e empatía.

Unha vez rematada esta edición da bienal, o Museo de Pontevedra propón ao público dirixir a súa mirada á colección permanente, na que hai obras de todas as épocas que nos permiten achegarnos a esta mesma realidade: a destrución da guerra e a posibilidade dunha resposta de esperanza a través da arte, a espiritualidade e a imaxinación.

A proposta inclúe 12 pezas que van desde a Idade de Ferro, representada polo gran torque do tesouro de Foxados, ata creacións da segunda metade do século XX, como a pintura “Homínido” de Juana Francés ou o gravado “Sen título” de Florencio Galindo de la Vara. Polo medio, esculturas como o tímpano románico de San Martiño de Moaña, que foi o punto de partida de Almudena Fernández Fariña para o mosaico que presentou na bienal e aínda se pode ver no Museo; o sepulcro gótico de Suero Gómez de Soutomaior e os “Pingüíns”, tallados en madeira por Francisco Vázquez Días “Compostela”, que tan ben simbolizan a superación da dicotomía entre humanos e animais.

Destacadas obras da colección de debuxo e pintura expostas permiten tratar outros temas relacionados: a escravitude a través de “O eunuco”  de Mariano Fortuny, a violencia e a represión en “Cruce dos Pireneos” de Uxío Souto e “A derradeira lección do mestre” de Castelao, a utopía na “Rolda de nenos”, tamén de Castelao, e a persistencia da dor en “A familia do pintor”, de Celestino Poza. Tamén hai espazo para o humor e a banalización da guerra sobre a que se reflexiona a través dos “mambrús”, as peculiares xerras con forma humana de Sargadelos.

Este percorrido autoguiado é o segundo dunha serie que comezou a editar o Museo en 2024, co título “O Museo en 1 hora”. Trátase de ofrecer propostas para achegarse á basta colección exposta do Museo cando as persoas que o visitan teñen un tempo limitado ou buscan ao mesmo tempo orientación e autonomía. O primeiro percorrido, tamén dispoñible, pon o foco na diversidade de pezas expostas, cunha escolma na que conviven ourivería, pintura, debuxo, escultura, mobiliario e cerámica.  

Publicacións Relacionadas