No conxunto da provincia son 153 os clubs deportivos que se benefician desta liña de axudas da Deputación que neste 2025 ascende aos 550.000 €, 50.000 € máis que o pasado ano
Pazo provincial, 20 de setembro de 2025. A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a concesión da liña de axudas a clubs e entidades do ámbito do deporte para a organización de eventos e actividades deportivas. As axudas, que ascenden a 550.000 euros neste 2025, 50.000 € máis que o pasado ano, benefician a un total de 153 club da provincia. No que respecta á contorna de Arousa e do Salnés 22 clubs deportivos recibirán ata 113.000 euros para organizar actividades e eventos nos concellos do Grove, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Valga, Vilagarcía e Vilanova de Arousa.
Prado Surf e o Club de Remo Mecos reciben máis de 2.000 e de 3.000 euros para un campionato nacional e unha bandeira e traiñeiras no Grove e Creacciona Cum Laude preto de 2.700 para organizar o Festival Internacional de Xadrez en Meaño. Pola súa banda a Asociación Deportiva Arousa Fútbol-7, o Club Náutico O Muíño, Desguaces Tino Racing e a Federación Galega de Halterofilia benefícianse de entre 1.100 e preto de 22.000 euros para organizar o torneo internacional Arousa Fútbol 7, a baixada internacional do Umia, un rallie mix ou unha xornada da liga galega de clubes de halterofilia en Ribadumia.
Ademais, o Círculo Cultural Deportivo de Sanxenxo, a Federación Galega de socorrismo e salvamento, a Federación Española de socorrismo e salvamento, a Federación Galega de loita, Congostra Team e o Club de Piragüismo Olívico reciben entre 1.400 e mái de 12.000 euros para poñer en marcha un torneo internacional de tenis, un campionato de España de salvamento e socorrismo, un memorial internacional de loita, un rally e unha proba de caiac de mar internacional en Sanxenxo. Tamén o Cordeiro Club de Fútbol recibe preto de 800 euros para o torneo de fútbol de base de Valga e a Real Federación Galega de Vela, a Federación Galega de Balonmán, a Agrupación Deportiva Cortegada Carril, o Club de Baloncesto Vilagarcía e o Club Deportivo Arousa Pádel, entre 2.000 e os máis de 9.300 euros para copas de España de vela, a supercopa Galicia de balonmán, un memorial, un torneo de tenis, padel, de fútbol e de baloncesto en Vilagarcía de Arousa. Finalmente a Asociación Cultural Deportiva Vilanova e o Club de Tenis Vilanova DMSport recibirán entre 790 e 1.900 euros para un torneo de fútbol 8 e outro de tenis en Vilanova de Arousa.
En liñas xerais, cos recursos provinciais, os 150 clubs deportivos beneficiarios dos 550.000 € poden organizar competicións deportivas federadas oficiais de ámbito estatal ou internacionais como campionatos ou copas de España ou do Mundo e competicións deportivas oficiais de alto nivel, e tamén competicións deportivas oficiais e non oficiais, de todos os ámbitos territoriais.