Rafa Domínguez: “Queremos que a nosa mocidade sexa a mellor preparada da historia, teña o maior coñecemento posible para poder facer fronte aos retos do futuro, aprenda no estranxeiro e, por suposto, despois regrese para poder poñer o seu talento a disposición desta provincia”
A Deputación acaba de aprobar a concesión das axudas de mobilidade por valor de 145.200 euros para que 23 mozas e mozos da provincia poidan completar a súa formación no estranxeiro ao abeiro do proxecto Erasmus +. “Queremos que a nosa mocidade sexa a mellor preparada da historia, teña o maior coñecemento posible para poder facer fronte aos retos do futuro, aprenda no estranxeiro e, por suposto, despois regrese para poder poñer o seu talento a disposición desta provincia”, asegurou o vicepresidente provincial Rafa Domínguez.
As axudas das que se beneficiarán estas 23 mozas e mozos oscilan entre os 4.700 e os máis de 7.200 euros, dependendo do destino e dos días de duración da súa estancia no estranxeiro, que abrangue entre os 90 e os 365 días. Será en outubro cando estas mozas e mozos comecen a súa experiencia internacional, partindo cara Irlanda, Italia, Malta, Polonia e Portugal.
As 23 mozas e mozos beneficiarios das axudas da Deputación son estudantes de ciclos formativos relacionados coa electricidade, redes informáticas, comercio, xestión administrativa, cultivos acuícolas, deseño gráfico, operacións subacuáticas, son, coidados auxiliares de enfermaría e panadería de centros educativos da Estrada (IES Antón Losada Diéguez), A Illa de Arousa (IGAFA), Lalín (IES Laxeio), Marín (IES Chan do Monte), As Neves (EFA Cancela), Pontevedra (IES Luis Seoane e CIFP Montecelo), O Porriño (IES Ribeira do Louro), Sanxenxo (IES de Vilalonga) e Vigo (IES A Guía, CIFP Audiovisual de Vigo e Formación Divino Maestro).



