A Deputación destina 160.000 euros a Nigrán e Tomiño para acometer melloras en infraestruturas deportivas

adminON
Lectura mínima de 2

Nigrán recibirá 70.000 € para construír unha pista de pumptrack e Tomiño preto de 90.000 € para reformar o pavillón de deportes da Carballa

Trátase de recursos do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas que repartiu xa 3,3 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar novas achegas por valor de 160.000 euros do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para que os concellos de Nigrán e Tomiño acometan melloras nos seus equipamentos. O presidente da institución provincial, Luis López, detallou que Nigrán recibirá 70.000 € para instalar unha nova pista de pumptrack e Tomiño case 90.000 € para reformar a cuberta e a fachada do pavillón de deportes da Carballa.

En concreto, os 70.205 € que recibirá Nigrán permitiranlle crear este novo circuíto formado por obstáculos, ondulacións e curvas peraltadas no Salgueiral, nunha zona próxima á praia de Panxón. Pensado para os monopatíns e as bicicletas, o pump track contará cun dúas zonas separadas e independentes: unha para cativos e principiante, cun trazado triangular, e outra para usuarios medios e avanzados, que disporá de dous aneis combinados entre si.

Por outra banda, Tomiño contará con 88.286 euros do Plan de Infraestruturas Deportivas, que se completarán con 96.286 € do +Provincia, de tal xeito que a institución provincial financiará o 100% do custo de reformar a cuberta e fachada do pavillón de deportes da Carballa. O obxectivo é mellorar, ademais das condicións de salubridade, a eficiencia enerxética do edificio, xa que substituiranse as chapas simples de aceiro galvanizado que forman a cuberta e a fachada por paneis illantes.

Comparte este artigo