O presidente Luis López confirmou que as axudas oscilan entre os 1.500 e os 3.500 euros para actividades como obradoiros, campañas de Nadal ou, entre outras, eventos literarios
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe o reparto de máis de 18.000 euros para que sete entidades sociais dos concellos do Morrazo poidan realizar actividades de dinamización da lingua galega. En total, cada un dos concellos recibirá achegas que oscilan entre os 1.500 e os 3.500 euros para actividades como obradoiros, campañas de Nadal ou, entre outras, eventos literarios. “Como administración pública temos a obriga de fomentar e difundir a lingua galega, a nosa, a miña, a que nos diferencia e nos proxecta no mundo e a que dota a este pobo dunha identidade e personalidade únicas”, asegurou o presidente provincial, Luis López.
En concreto, no concello de Bueu a Asociación de Comerciantes e Industrias de Bueu recibirá 3.198 € para o proxecto de dinamización da lingua galega na Campaña de Nadal do comercio de Bueu e a Asociación Cultural Cinematográfica de Galicia FICBUEU contará con 3.500 € para o obradoiro de creación de curtametraxe; en Cangas ACICA recibe 3.500 € para o proxecto de dinamización da lingua galega na Feira de Oportunidades do Morrazo, a Asociación para a Promoción Turística do Morrazo 1.503 € para a charla coloquio Recital Poetas Galegos, a Asociación Xuvenil Cultural Staccato 1.503 € para Cantares Galegos 2024 e Codimo 2.094 € para o evento literario Versos para a Diversidade. E, por último, en Moaña a Asociación Agrupación do Pequeno Comercio e Hostalaría de Moaña contará con 2.944 € para a xincana infantil de Nadal.
No conxunto da provincia, este ano a institución provincial aprobou destinar axudas a 47 entidades dun total de 25 concellos da provincia de Pontevedra por valor de preto de 110.000 euros para a posta en marcha de actividades para fomentar e difundir o emprego da lingua galega.

