O presidente Luis López confirmou que as axudas oscilan entre os 400 e os 3.500 euros para actividades literarias, polo Día das Letras Galegas ou, entre outras, polo Día da Muller
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe o reparto de preto de 20.000 euros para que sete entidades sociais de catro concellos da comarca do Deza-Tabeirós poidan realizar actividades de dinamización da lingua galega. En total, cada un dos concellos recibirá achegas que oscilan entre os 400 e os 3.500 euros para actividades literarias, polo Día das Letras Galegas ou, entre outras, polo Día da Muller. “Como administración pública temos a obriga de fomentar e difundir a lingua galega, a nosa, a miña, a que nos diferencia e nos proxecta no mundo e a que dota a este pobo dunha identidade e personalidade únicas”, asegurou o presidente provincial, Luis López.
En concreto, no concello de Cerdedo-Cotobade a Asociación Cultural Os Trazantes de Tenorio recibirá 706 € para a actividade Convivencia co Noso. Na Estrada a Asociación A Xesteira contará con 1.875 € para As Nosas Letras 2024, a Asociación Recreo Cultural da Estrada con 1.200 € para o III Programa Marzo con M de Muller 2024, a Fundación Cultural A Estrada con 3.500 € para o programa especial polo Día das Letras Galegas e O Recuncho da Lingua con 3.225 € para o proxecto de dinamización da lingua galega Entrar en Xogo.
Ademais, en Lalín a Asociación Amigos do Museo Casa do Patrón recibirá 3.500 € para o dicionario de amuletos galego, a Asociación Cultural Xuventude Bolarqueira 2.000 € para Literatura no Rural 2024 e a Asociación Cultural Mirlotil 3.096 € para o proxecto de dinamización lingüística Falando Arxina ou Galego. E e en Vila de Cruces a Asociación Social e Cultural Garatuzas de Piloño recibirá 392 € para promover, fomentar e difundir actividades encamiñadas á dinamización da lingua galega.
No conxunto da provincia, este ano a institución provincial aprobou destinar axudas a 47 entidades dun total de 25 concellos da provincia de Pontevedra por valor de preto de 110.000 euros para a posta en marcha de actividades para fomentar e difundir o emprego da lingua galega.

