Benefícianse desta liña de axudas todos os concellos da provincia que a solicitaron: A Cañiza, A Estrada, Cangas, Moaña, Ponteareas, Redondela, Salceda de Caselas, Valga e Vilagarcía de Arousa
Os concellos reciben entre 18.000 e 35.000 euros para manter ou poñer en marcha o servizo de normalización lingüística
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, deu conta da aprobación dos 200.000 euros das axudas para a creación, o mantemento e o reforzo dos servizos de normalización lingüística nos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Unha liña da que se beneficiarán todos os concellos da provincia que a solicitaron: A Cañiza, A Estrada, Cangas, Moaña, Ponteareas, Redondela, Salceda de Caselas, Valga e Vilagarcía de Arousa, que recibirán entre 18.000 e 35.000 euros segundo sexa para manter ou poñer en marcha o servizo de normalización lingüística.
“Estas achegas poñen en valor –subliñou Luis López- que somos un goberno comprometido coa nosa lingua, que destinamos recursos para promover o seu emprego, cuestión para nós prioritaria, e favorecer o seu impulso desde os concellos”. Neste eido, tal e como explicou o presidente, aprobouse o reparto do 100% do orzamento da convocatoria, da que eran susceptibles de beneficiarse todos concellos de menos de 50.000 habitantes, ou agrupacións de concellos, mancomunidades ou entidades locais menores.
O Concello de Cangas recibirá 35.000 euros e o de Salceda de Caselas outros 33.000 euros, en ambos casos para a posta en marcha dos seus respectivos servizos de normalización lingüística. Pola súa banda A Cañiza A Estrada, Moaña, Ponteareas, Redondela, Valga e Vilagarcía de Arousa recibirán 18.000 € cada un para o mantemento deste servizo. Neste segundo caso, as achegas repercutirán ou na contratación de máis persoal ou no incremento na xornada do persoal do que xa dispoñen.