No conxunto da provincia son 153 os clubs deportivos que se benefician desta liña de axudas da Deputación que neste 2025 ascende aos 550.000 €, 50.000 € máis que o pasado ano
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a concesión da liña de axudas a clubs e entidades do ámbito do deporte para a organización de eventos e actividades deportivas. As axudas, que ascenden a 550.000 euros neste 2025, 50.000 € máis que o pasado ano, benefician a un total de 153 club da provincia. No que respecta ás comarcas de Vigo e do sur da provincia de Pontevedra 67 clubs deportivos recibirán ata 252.000 euros para organizar actividades e eventos nos concellos de Baiona, Crecente, A Guarda, Mondariz, As Neves, Nigrán, Pazos de Borbén, Ponteareas, O Porriño, Redondela, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Tomiño, Tui e Vigo.
O Monte Real Club de Yates de Baiona, a Asociación Club de Bolos Belesar URGAL e o Erizana reciben entre 840 e preto de 20.000 euros para poñer en marcha unha regata internacional, un torneo de mestres e un torneo de fútbol en Baiona. Pola súa banda Cornelios recibe máis de 3.000 euros para unha andaina en Crecente e a Asociación Cultural Albatros e o Club de Tenis Codesal 780 e preto de 1.500 euros para un torneo de xadrez e un open de tenis na Guarda. Ademais, Pontebike Team e a Asociación Deportiva Mondariz reciben 2.700 e preto de 3.900 euros para poñer en marcha unha copa de España de pumptrack e un trail en Mondariz.
A Asociación Cultural Deportiva Sanomedio benefíciase de máis de 840 euros para a marcha BTT do Requeixo nas Neves e os clubs de Bolos Camos, Santa Eulalia, San Roque, Valladares, Santiago de Parada, e o Club de Tenis a Tobeira, a Federación Galega de Bolos e o Centro Cultural e Deportivo Bolos da Carrasca entre 1.000 e 2.000 euros para poñer en marcha copas e campionatos de España de Bolo Celta, un torneo de tenis e un open internacional de petanca en Nigrán. Pola súa banda a Sociedad Deportiva Pazos Borbén recibe preto de 1.400 euros para poñer en marcha un torneo de bases e o Club Ciclista Ponteareas, o Club Natación Ponteareas e o Club Tenis Ponteareas entre 830 e máis de 1.000 euros para unha mini btt, un trofeo de natación e un open de tenis na localidade. Ademais o Master da Louriña recibe preto de 2.000 euros para o Challenge das Rías Baixas no Porriño; a Sociedad Atlética de Redondela, a Asociación Deportiva Sarillas e o Club de Remo Chapela entre 80 e 2.100 euros para fases zonais dun campionato estatal, para un torneo de veteranas e unha bandeira de traíñas en Redondela; e a Escudería Surco e a Federación Galega de Montañismo máis de 9.000 e preto de 1.500 euros para o Rally Sur do Condado e un campionato galego de marcha nórdica en Salvaterra de Miño.
O Club Deportivo Arcade, o Club Montesiña Padel e a Federción Galega de Karate benefícianse de entre 830 e máis de 1.700 euros para un torneo internacional de fútbol, un torneo de padel e a liga galega de karate en Soutomaior e a Federación Galega de Caza e a Escudería AD Cantera entre 1.000 e máis de 3.800 euros para o campionato de España de Cans de Rastro, o campionato provincial de compak sporting e o rally Serra Argallo en Tomiño. Pola súa banda, a Federación Galega de Motonáutica, o Club Deportivo Hípico Equigalia, o Club Náutico San Telmo, Motoclub Randufe e Rising Stars reciben entre 780 e preto de 11.500 euros para probas de campionatos de España de radiocontrol e embarcacións, un concurso nacional de saltos, a semana náutica, unha supercross e a Galician Rising Stars Cup en Tui.
Finalmente, o Club Volei Praia Vigo, a Escudería Rías Bajas, a Federación Galega de Judo, ACUDIN, O Grove Racket Club, o Club Ciclista Rías Baixas, a Federación Galega de Tenis, MS2, Padel en Cadeira de Rodas, o Real Club Náutico de Vigo, Patinaxe Artística Gondomar, a Asociación de Barcos Clásicos de Vela Lixeira, o Círculo Cultural, Mercantil e Industrial de Vigo, o Club Balonmán Seis do Nadal, o Club Ciclista Vigués, o Club de Campo de Vigo, o Club Deportivo Media Punta, o Club Deportivo Old School Bosxing, o Club Novobasket Vigo, o Club Vagalume, a Sociedade Deportiva Carballal, Win Padel, a Federación Galega de Montañismo, a Federación Galega de Ximnasia, a Federación Galega e Hockey, Monteferro Bike Club, Atletismo San Miguel, Traviesas Hockey Club e Twelve Padel reciben contías que oscilan entre os 930 e os 25.000 euros para impulsar unha liga nacional de volei praia, o rallye Recalvi, a supercopa de España e un trofeo de judo, a proba final do campionato inclusivo de motonáutica, opens e torneos de tenis e padel, a MS2 Cup, a Semana do Atlántico, campionatos internacionais e galegos de patinaxe artística, a Regata Xouba Cup, torneos e competicións ciclistas, a primeira velada feminina de boxeo, torneos de baloncesto, a copa de Galicia de escalada, a copa internacional de ximnasia acrobática, a copa Deputación de Hockey, un trail e un trofeo de campo a través en Vigo.
En liñas xerais, os 150 clubs deportivos do conxunto da provincia de Pontevedra beneficiarios dos 550.000 € das axudas da Deputación poden organizar competicións deportivas federadas oficiais de ámbito estatal ou internacionais como campionatos ou copas de España ou do Mundo e competicións deportivas oficiais de alto nivel, e tamén competicións deportivas oficiais e non oficiais, de todos os ámbitos territoriais.



