A liña de axudas, que repartiu máis de 112.000 euros entre 44 entidades de toda a provincia, ten como obxectivo favorecer o coñecemento, a posta en valor e o uso da lingua galega por parte da cidadanía
A Deputación de Pontevedra destina este ano un total de 35.000 euros a 14 colectivos da cidade de Vigo e do sur da provincia no marco das súas axudas para o impulso de actividades de dinamización da lingua galega. No marco desta liña, cuxo reparto se aprobou na última Xunta de Goberno da institución provincial, resultaron beneficiarias un total de 44 entidades sen fins de lucro do territorio provincial, co fin de organizar accións que permitan incrementar a presenza do galego en todos os contextos.
Na cidade de Vigo resultaron beneficiarios oito colectivos. Aldeas Infantiles SOS de Galicia recibirá 3.975 € para un programa de sensibilización sobre benestar animal e participación infantil, o Centro Veciñal e Cultural de Valladares 3.550 € para unha homenaxe ás cantareiras no marco das Letras Galegas 2025, a Asociación Mulleres Pedra da Vella 3.075 € para a súa “Bolsa Poética”, así como a Fundación para a Pesca e o Marisqueo recibirá 2.403 € para uns obradoiros sobre “O mar a raias nas aulas”. Ademais, a Asociación Sforza de Bembrive recibirá 1.800 € para “A banda no rock”, a Asociación de Veciños de San Roque 1.208 € para o “XVIII Concurso Letras Galegas”, o Ateneo Musical de Bembrive 1.140 € para “Chega o Nadal” e, por último, a Asociación de Veciños de Beade recibirá 691 € para actividades relacionadas coas Letras Galegas 2025.
En Gondomar, a Asociación Cultural de San Vicente de Mañufe recibirá 939 € para o certame literario “Verbas Novas”. En Mos, recibirá 4.000 € a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste EuRural para a creación de contido audiovisual para a posta en valor das mulleres. En Nigrán, a Fundación Carlos Casares tamén se fará con 4.000 euros para a sétima edición de “Sorrisos por un mundo: o humor de Carlos Casares” e actividades anexas. En Ponteareas, a Asociación de Maiores de Ponteareas recibirá 1.015,68 € para un taller de habilidades instrumentais básicas do galego. En Redondela, o Centro Cultural Recreativo Deportivo e da Terceira Idade de Vilar de Infesta farase con 3.225 € para o proxecto “Falade galego, rapazada, tamén nas redes, bro”. No Rosal, Asociación Agrupación Musical do Rosal recibirá 4.000 euros para o proxecto “Sherezade, as mil e unha noites”.
Con estes recursos, as entidades da provincia poden realizar accións para favorecer o coñecemento, a posta en valor e o uso da lingua galega por parte da cidadanía en todos os ámbitos. Deste xeito, a Deputación contribúe a que poidan atender a demanda que ano tras ano mantén o tecido asociativo da provincia en favor da promoción e defensa da lingua.



