A Deputación destina 45.000 euros para que 20 entidades sociais de Vigo e o sur da provincia poidan realizar actividades de dinamización da lingua galega

adminON
Lectura mínima de 5

O presidente Luis López confirmou que as axudas oscilan entre os 600 e os 3.500 euros para actividades como certames literarios, exposicións, obradoiros ou rutas, entre outras

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe o reparto de máis de 45.000 euros para que 20 entidades sociais de nove concellos de Vigo e o sur da provincia poidan realizar actividades de dinamización da lingua galega. En total, cada un dos concellos recibirá achegas que oscilan entre os 600 e os preto de 3.500 euros para actividades como certames literarios, exposicións, obradoiros ou rutas, entre outras. “Como administración pública temos a obriga de fomentar e difundir a lingua galega, a nosa, a miña, a que nos diferencia e nos proxecta no mundo e a que dota a este pobo dunha identidade e personalidade únicas”, asegurou o presidente provincial, Luis López.

En concreto, no concello de Baiona a Asociación Folclórica Airiños da Lagoa recibirá 2.500 € para a creación da páxina web da entidade e a Asociación Folclórica Ardelume de Baiña, 1.515 € para a gravación dun videoclip; en Gondomar a Asociación Cultural San Vicente Mañufe recibirá 929 € para o VIII Certame Literario Verbas Novas; nas Neves a E.F.A. As Cancelas 3.500 € para as xornadas da IX Semana Gastro Cultural na Procura da Excelencia, e en Nigrán a Fundación Carlos Casares recibe 3.500 € para a VI itinerancia da exposición Sorrisos por un mundo. O humor de Carlos Casares.

Ademais, en Ponteareas a Asociación Cultural Banda de Música Unión de Guláns recibirá 636 € para organizar a Ruta Musical Guláns 2024 e a Asociación de Maiores de Ponteareas contará con 1.651 € para o V Taller de habilidades instrumentais básicas do galego; no Porriño a Asociación Cultual Os Penediños recibe 1.636 € para a conmemoración do Día das Letras Galegas 2024; en Redondela a Asociación Deportiva e Cultural Galicia sen Límite contará con 3.493 € para a actividade Palabras de mar e terra: Toponimia, fauna e flora galega, e no Rosal a Asociación Agrupación Musical do Rosal contará con 3.350 € para o espectáculo músico-literario en galego Pinocho.

Por último, en Vigo serán dez as entidades sociais que reciban achegas nesta para actividades de dinamización da lingua. A Asociación Cultural Abella Producións contará con 3.000 € para a actividade Nas Ondas Galegas III; a Asociación Cultural Traspés 2.500 € para a creación dunha aplicación móbil; a Asociación Cultural Xarabal 900 € para a actividade Xarabal nas Letras 2024; a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia 3.500 € para o X Certame de Relatos Curtos Nun Recuncho da Memoria 2024; a Asociación Centro Veciñal e Cultural de Valladares 3.500 € para as actividades das Letras Galegas 2024; a Asociación de Veciños de San Roque 2.483 € para o XVII Concurso Letras Galegas; a Asociación de Veciños de Beade AVCU-CSCR 673 € para a festividade das Letras Galegas 2024; a Asociación Mulleres Pedra da Vella 2.700 € para unha bolsa poética; o Ateneo Musical de Bembrive 1.380 € para a actividade Chega o Nadal a Bembrive, e a Fundación para a Pesca e o Marisqueo 2.566 € para a actividade O Mar a Raias nas Aulas. Raspiña, Shu e As Mulleres do Mar.

No conxunto da provincia, este ano a institución provincial aprobou destinar axudas a 47 entidades dun total de 25 concellos da provincia de Pontevedra por valor de preto de 110.000 euros para a posta en marcha de actividades para fomentar e difundir o emprego da lingua galega.

Comparte este artigo